Wednesday 25 de March de 2026

A exposición Antifémina abre no Auditorio de Galicia unha reflexión visual sobre a construción social da feminidade


A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o comisario da mostra, Francesc Polop, presentaron en rolda de prensa unha mostra que recupera o legado da fotógrafa Colita e a escritora Maria Aurelia Capmany. Máis de 130 fotografías revisitan, desde unha ollada crítica, a experiencia das mulleres na sociedade española da Transición

O Auditorio de Galicia acolle desde este mércores 25 de marzo a exposición Antifémina. Colita, un proxecto que trae por primeira vez a Galicia en formato expositivo o emblemático libro que a fotógrafa Isabel Steva, coñecida artisticamente como Colita, realizou xunto á escritora Maria Aurèlia Capmany nos anos finais da ditadura.

A inauguración da mostra foi presentada este mércores en rolda de prensa pola concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, e polo comisario da exposición e director do Archivo Colita Fotografía, Francesc Polop, que puxeron o acento na vixencia dun traballo que cuestiona con contundencia os estereotipos de xénero e reivindica a memoria das mulleres.

A proposta expositiva recupera un volume publicado en 1977 e retirado pouco despois da súa circulación por considerarse incómodo para o contexto social da época, converténdose co tempo nunha obra de referencia do feminismo visual na Transición. Case medio século despois, este material preséntase como un relato visual de gran forza política e documental.

A dicir de Louzao, “a mostra leva ás paredes sa Sala Isaac Díaz Pardo ollares e corpos diversos que constrúen un imaxinario visual sobre a muller ben máis amplo do habitual. Cunha ollada crítica e profundamente humana, as autoras captan mulleres e escenarios que rachan co considerado feminino e que conforman ese universo de Antifémina”. Para a Concelleira, “Antifémina non é só unha recuperación histórica ou un exercicio de memoria, senón que é unha oportunidade para reler a obra de Colita e a de María Aurelia Capmany desde o presente e para entender a súa dimensión artística pero tamén o valor político e social dunha proposta que, cincuenta anos despois da súa creación, pois segue plenamente vixente”.

Francesc Polop puxo tamén o aceno na radical actualidade dunha mostra que “formula unha serie de cuestións aínda abertas en relación co mundo da muller, coas súas liberdades, cos seus obxectivos, coas súas carencias e coas súas violencias”. Ao tempo, salientou a ollada fondamente humanista de Colita, quen “fotografaba as mulleres de maneira espontánea e que, sempre que as miraba, as recoñecía e establecía con elas esa sororidade que daquela non formaba aínda parte do noso vocabulario”.

Coproducida por La Fábrica e o Círculo de Bellas Artes e comisariada por Francesc Polop, a exposición reúne máis de 130 imaxes organizadas en diferentes ámbitos que abordan, cun ton crítico e didáctico, a construción social da feminidade convencional: a muller submisa, perfecta casada, pasiva e sacrificada. A través das súas imaxes, Colita retrata cuestións como a vellez, o traballo, a relixión, a prostitución, a cousificación ou a marxinación ás que se vían sometidas as mulleres. As fotografías, que combinan unha mirada directa e unha forte carga simbólica, amosan corpos e experiencias diversas, afastadas da imaxe idealizada da feminidade. O resultado é un conxunto que interpela ao presente e convida a revisar, desde a cultura visual, os mecanismos de representación e control social.

A mostra poderá visitarse na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia até o 1 de agosto, con acceso libre e de balde, de luns a domingo en horario de mañá e tarde. O proxecto complétase cun programa de mediación que inclúe visitas guiadas e actividades destinadas a diferentes públicos.

Antifémina. Colita insírese na programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e co apoio do Consorcio de Santiago, e constitúe unha homenaxe á traxectoria dunha das figuras clave da fotografía documental en España, así como ao compromiso intelectual de dúas creadoras que fixeron da súa obra unha ferramenta de transformación social.

Visitas guiadas | Un percorrido para descubrir Antifémina en contexto

O Auditorio de Galicia organiza un programa de visitas guiadas gratuítas entre marzo e xuño, con sesións os xoves e venres ás 19.00 horas e os sábados ás 12.00 horas. As primeiras celebraranse os días 27 e 28 de marzo, coincidindo coa apertura da exposición. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web de Compostela Cultura, seleccionando o día e a hora desexados. A inscrición é de balde e o prazo para anotarse pecha ás 14.00 horas do día anterior a cada visita. Dirixidas a público individual, grupos e centros de ensino, ofrecen un achegamento comentado ás claves históricas, sociais e creativas da exposición.

Colita, unha figura clave da fotografía en España

Isabel Steva Hernández (Barcelona, 1940-2023), coñecida artisticamente como Colita, naceu en Barcelona en 1940. Formouse xunto a fotógrafos como Oriol Maspons, Xavier Miserachs, Francesc Català-Roca ou Leopoldo Pomés. Ao longo da súa carreira retratou a vida cotiá de Barcelona —o mundo xitano, o flamenco, o Barrio Chinés ou La Rambla— e creou unha ampla galería de retratos de figuras culturais e artísticas do século XX.

Estivo vencellada a movementos como a Gauche Divine, a Escola de Barcelona ou a Nova Cançó e documentou durante a Transición numerosos acontecementos políticos e sociais. Comprometida co feminismo, foi editora gráfica da revista Vindicación Feminista en 1976. Publicou máis de setenta libros, realizou máis de corenta exposicións e recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria.

Maria Aurèlia Capmany, intelectual e pioneira do feminismo

Maria Aurèlia Capmany (Barcelona, 1918–1991) foi unha das intelectuais máis destacadas da cultura catalá do século XX. Escritora, pedagoga, dramaturga, actriz e política, desenvolveu unha intensa actividade cultural e literaria. Licenciada en Filosofía e Letras, participou en iniciativas culturais clandestinas durante o franquismo e cultivou con éxito a novela, o ensaio e o teatro.

Obtivo premios literarios como o Joanot Martorell e o Sant Jordi, e impulsou xunto a Ricard Salvat a Escola d’Art Dramàtic Adrià Gual. A través da súa obra ensaística e narrativa converteuse nunha figura clave do feminismo catalán e participou activamente na vida política durante a Transición e os primeiros anos da democracia.

O traballo curadorial de Francesc Polop

O comisario da exposición, Francesc Polop (Bolbaite, Valencia, 1961), é escultor e deseñador residente en Barcelona. Formouse na Escola Massana e na Facultade de Belas Artes de Sant Jordi e desenvolveu tamén unha intensa actividade no ámbito teatral e audiovisual. Coñeceu a Colita en 1983, iniciando unha relación persoal e profesional que o levou a deseñar numerosos libros e publicacións fotográficas da artista. Da súa colaboración xurdiu o Archivo Colita Fotografía, que actualmente dirixe e xestiona para difundir o legado da fotógrafa.

Deja un comentario