— O sistema de créditos de carbono da Xunta funcionará de xeito similar a un mercado virtual no que se porá en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente
— Galicia será pioneira en España xa que contará co primeiro mercado voluntario de carbono destas características, que complementará outras iniciativas do Goberno galego neste eido
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, explicou hoxe que a Xunta prevé adxudicar proximamente a plataforma dixital do mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia, concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2.
Durante a súa intervención no almorzo informativo Transición cara a unha economía descarbonizada, a directora xeral indicou que se trata dunha das accións previstas dentro do proxecto SICLE CO2, que, ademais desta plataforma dixital, tamén desenvolve unha metodoloxía que marcará os criterios formais e obxectivos para recoñecer e valorar os proxectos de absorción de carbono.
Nese senso, Paula Uría fixo fincapé en que o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta ten como obxectivo principal contribuír a acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040 —mediante o fomento de actividades que ou ben eviten a liberación de CO2 ou contribúan a aumentar a súa capacidade de absorbelo—. Ademais, suporá tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico e ambiental para o conxunto da comunidade en eidos como o forestal, a economía azul e a acuicultura ou o enerxético.
Máis polo miúdo, a directora xeral explicou que o futuro sistema de créditos de carbono da Xunta terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual que busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións.
Deste xeito, Galicia será pioneira en España xa que contará co primeiro mercado voluntario de carbono destas características que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita a empresas, entidades, organizacións e mesmo cidadáns realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.
Este sistema voluntario de créditos de carbono vén complementar outras iniciativas postas en marcha pola Xunta para avanzar cara a unha Comunidade neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo marcado pola Unión Europea. Nesa liña, a directora xeral puxo en valor a aprobación da Lei do clima de Galicia, que contribuirá á gobernanza climática, regulará as proxeccións para proporcionar unha información específica para Galicia, impulsará a sensibilización, educación e investigación, e reforzará os servizos meteorolóxicos e de calidade do aire.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.