Wednesday 25 de March de 2026

Neda únese á Rede de concellos contra o acoso escolar


O Concello de Neda vén de solicitar a adhesión ao Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, e a FEGAMP para o desenvolvemento da Rede de concellos contra o acoso escolar. Trátase dunha iniciativa que xorde para fortalecer a coordinación entre institucións en materia de sensibilización, prevención e actuación ante calquera problemática deste tipo.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, asinaba a pasada semana o documento de adhesión no que manifesta a vontade municipal de adherirse a esta rede de apoio territorial que, ademais de intervir ante situacións de acoso escolar e ciberacoso, actúe de forma preventiva para garantir un clima de convivencia axeitado nos centros educativos. Neda dá así un paso máis no seu compromiso coa protección dos nenos, nenas e adolescentes.
Entre os obxectivos do convenio figuran fortalecer a coordinación; establecer un seguimento sistemático dos posibles casos; ofrecer apoio aos centros educativos na xestión de situacións de acoso e ciberacoso, favorecendo respostas áxiles e eficaces; promover accións preventivas, e reforzar a formación dos axentes implicados.
A participación na rede facilitará ao Concello acceder a recursos e campañas de sensibilización, así como recibir apoio na elaboración de programas e accións de prevención e intervención a nivel local, e así como orientación na xestión de posibles casos.
Ademais de Xunta, Fegamp, Consello escolar de Galicia, está previsto que cooperen coa Rede de concellos contra o acoso escolar Fiscalía Superior de Galicia e cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Deja un comentario