· Trátase dun conxunto de seis sesións formativas que terán lugar entre os días 20 e 30 de abril
· As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa matrícula completamente de balde na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler
A Pobra acollerá entre os días 20 e 30 de abril o IV ciclo do programa universitario para maiores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ‘Camiños de coñecemento e experiencia’, unha iniciativa formativa dirixida a persoas maiores de 50 anos que se desenvolverá no auditorio da biblioteca municipal Victoriano García Martí en horario de 16.30 a 18.00 horas. A formación contará cun total de seis sesións centradas en distintas áreas.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, puxo en valor esta iniciativa, que permite “achegar a formación universitaria aos nosos veciños e veciñas e promover o acceso ao coñecemento e a participación social das persoas maiores”. Ademais, subliñou “a importancia de colaborar cunha institución de referencia con máis de 500 anos de historia como o é a USC para seguir ofrecendo oportunidades formativas no noso municipio”.
O programa ao completo
O programa abordará contidos diferentes en seis sesións impartidas por especialistas vinculados á USC, como son Manuel Vázquez Lijó, Katia Cino Rouco e Stefany Sanabria Fernández.
En concreto, os días 20 e 26 de abril, Vázquez Lijó abordará as ‘Achegas ao patrimonio eclesiástico: as ermitas na Pobra do Caramiñal (ss. XVI e XIX); o 21 e 28 de abril, será Cino Rouco quen trate ‘O documentalismo fotográfico desde o Photo-Secession ás redes sociais’; por último, Sanabria Fernández centrarase na ‘Creación e participación en espazos dixitais: ferramentas e comunidades’ os días 29 e 30 de abril.
A inscrición é completamente de balde e pode formalizarse na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler, onde as persoas interesadas poderán recibir máis información.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.