Gumersindo Guinarte subliña que “non son os nosos orzamentos” e confirma que o grupo socialista non pode apoiar o documento pola incorporación moi parcial das propostas socialistas tras o proceso de negociación co Goberno municipal.
O voceiro socialista critica a forte redución do investimento, que se sitúa na metade do previsto en 2025, e unha previsión de ingresos “pouco realista”.
Os socialistas advirten de que manterán unha vixilancia estreita sobre vivenda e servizos públicos, ámbitos nos que detecta importantes carencias.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, anunciou que o grupo municipal socialista optará pola abstención no Pleno municipal de hoxe, no que se debaten os orzamentos de 2026, ao considerar que o proxecto presentado polo Goberno de Sanmartín non responde ás necesidades da cidade nin ás prioridades defendidas polos socialistas.
Guinarte explicou que o grupo socialista non pode votar a favor ao non compartir aspectos clave do documento, como “a previsión de ingresos, que nos parece pouco realista”, e puxo como exemplo a estimación de ingresos por multas, que cualificou de “non razoable”.
O voceiro socialista criticou tamén a previsión de gasto e advertiu de que, malia tratarse do orzamento “máis alto da historia do Concello de Santiago”, contempla unha partida de investimentos “moi reducida”, xa que “é a metade da prevista no orzamento de 2025”.
Neste sentido, subliñou que “Santiago necesita moitos investimentos” e advertiu de que o Concello “non pode facer esa redución tan significativa” nun ámbito clave para o desenvolvemento da cidade.
Guinarte cualificou ademais o proxecto de “pouco ambicioso” no relativo aos fondos europeos e sinalou que o Goberno municipal “non parece estar na liña de facer unha xestión áxil e eficaz” destes recursos. Así, advertiu de que a previsión de execución para 2026 “é moi escasa” e pode comprometer oportunidades de financiamento.
Con todo, o voceiro socialista explicou que o grupo tampouco votará en contra tras un proceso de negociación no que o Goberno municipal incorporou “unha parte, moi parcial, das nosas propostas”, tanto en actuacións concretas como en compromisos políticos. Esta aceptación parcial, indicou, é a que leva aos socialistas a adoptar “esta posición intermedia de abstención”.
En todo caso, Guinarte advertiu de que o Grupo Municipal Socialista manterá unha actitude “vixiante” para que o Goberno municipal atenda cuestións prioritarias para a cidade.
Neste sentido, lembrou que Santiago “segue tendo un problema moi grave de vivenda” e reclamou medidas como a mobilización da vivenda baleira para facilitar o acceso ao alugueiro. Ademais, insistiu na necesidade de mellorar os servizos públicos municipais, “sobre todo a limpeza”, así como o transporte e a mobilidade.
“O Grupo Municipal Socialista estará vixiante, con diálogo como sempre, pero esixindo que o Goberno municipal mellore cuestións fundamentais para os veciños e veciñas de Santiago”, concluíu.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.