Wednesday 25 de March de 2026

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel organizan un curso de iniciación á apicultura que se desenvolverá nas dúas primeiras fins de semana de abril


A acción formativa ofrece 25 prazas e encádrase no convenio de colaboración subscrito hai uns días entre ambas entidades
Será gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño e para persoas socias da Casa do Mel. Para o resto, 45€

Un dos cometidos do convenio asinado recentemente polo Concello de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel é promover a apicultura como unha actividade con grande potencial económico no rural, ademais de ser un tipo de gandaría -si, as abellas son gando- que reporta tamén grandes beneficios ambientais facilitando a polinización. Neste sentido, o acordo recolle a organización dun curso de iniciación para novas abelleiras e abelleiros ou para aquelas persoas que xa levan tempo manexando colmeas e queiran mellorar os seus coñecementos. A acción formativa, que é gratuíta para a veciñanza de San Sadurniño e para persoas socias da entidade, vai desenvolverse nas mañás dos días 4, 5, 11 e 12 de abril (as dúas primeiras fins de semana do mes que entra). Hai que ir apuntándose xa no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Só hai 25 prazas dispoñibles e será necesario xuntar polo menos dez inscricións para que o curso vaia adiante.

Ao longo destas catro sesións, o alumnado adquirirá coñecementos fundamentais sobre a bioloxía das abellas e o funcionamento do enxame, ademais de abordar o rol da persoa apicultora tomando contacto cos elementos básicos que compoñen unha explotación apícola.

Un dos bloques centrais do curso estará dedicado precisamente a como se debe instalar e organizar un apiariodun apiario, tocando cuestións clave como a elección do lugar axeitado, a importancia da flora melífera do contorno e os procesos naturais de reprodución das colonias.

A estes aspectos esenciais para garantir a produtividade e o benestar das abellas sumaráselle o repaso a cuestións que inciden na saúde das abellas. Os ataques da avespa asiática e a presenza de varroa ou loque son só algunhas das ameazas ás que se enfrontan as colmeas e para as que son necesarias accións preventivas e de control que aseguren un enxame forte e produtivo.

O curso tamén permitirá coñecer en detalle os distintos produtos da colmea, como o mel, o pole, a própole, a xelea real ou a cera, así como as súas características e posibilidades de aproveitamento. Completarase a formación cunha introdución ás boas prácticas apícolas, co fin de fomentar unha actividade sostible e respectuosa co medio.

O curso desenvolverase os días 4, 5, 11 e 12 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas, na Casa da Xuventude de San Sadurniño, aínda que inclúe unha parte de prácticas que terá lugar no colmear didáctico da Cortiña.

A matrícula é totalmente gratuíta para a veciñanza de San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, que terán prioridade na obtención das 25 prazas dispoñibles. Para o resto de solicitantes, o prezo do curso serán 45€. Para inscribirse, hai que contactar nestes días co Concello chamando polas mañás ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Deja un comentario