Wednesday 25 de March de 2026

O concello licita o proxecto de mellora das instalacións deportivas no entorno do IES Agra de Leborís


O orzamento supera os 90.000 euros e intervirase tanto nas pistas polideportivas como no circuíto de calistenia.

O Concello vén de sacar a licitación o proxecto de mellora das instalacións deportivas situadas no entorno do IES Agra de Leborís, cun orzamento de 90.230 euros. O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 7 de abril a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
Esta actuación responde ao compromiso municipal coa promoción de hábitos de vida saudables e coa mellora dos espazos públicos destinados ao deporte e ao lecer. Eses equipamentos constitúen un punto de encontro para a veciñanza, especialmente para a mocidade, ao tempo que contribúen á práctica deportiva regular e á mellora da saúde física e mental dos cidadáns.
O ámbito de actuación abrangue as dúas pista polideportivas descubertas e o circuíto de calistenia.
No caso da pista polideportiva principal, que permite a práctica de fútbol sala e baloncesto conforme ás dimensións regulamentarias, acometerase a renovación do peche perimetral, actualmente deteriorado, substituíndo a malla existente por outra de maior resistencia. Ademais, instalaranse redes de protección detrás das porterías. Tamén se actuará sobre o pavimento, que será substituído por un novo revestimento deportivo a base de resinas sintéticas deseñado para garantir un mellor rendemento e seguridade na práctica deportiva.
Na pista multideporte, destinada principalmente ao uso infantil, realizarase igualmente a renovación do pavimento aplicando unha solución similar á da pista principal.
No circuíto de calistenia, executarase un novo pavimento de aglomerado asfáltico que permitirá un uso continuo e en condicións axeitadas ao longo de todo o ano.
O proxecto complétase coa creación dun sendeiro accesible na zona verde para mellorar a conexión entre o instituto e as distintas instalacións deportivas. Tamén será renovado o mobiliario urbano, incluíndo a instalación dunha nova fonte, papeleiras e a dotación de mesas e bancos.
Con esta intervención, que será cofinanciada pola Deputación da Coruña a través do Plan Único POS+, o Concello da Laracha continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais, apostando por espazos públicos de calidade que favorezan a convivencia, o deporte e o benestar da cidadanía.

Deja un comentario