Friday 22 de November de 2024

Xunta e Fegamp escoitan de primeira man as propostas dos técnicos municipas ao regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia


Tras a rolda de encontros co Colexio de Arquitectos ou os Rexistradores, o equipo técnico da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo escoitou hoxe as propostas de 90 técnicos municipais ao regulamento da nova Lei do Solo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) organizaron esta maña na Cidade da Cultura unha xornada de traballo dirixida aos técnicos municipais, para seguir avanzando na consecución dun novo marco urbanístico de consenso e realista.
Á petición da Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), convidou ás administracións locais a unha xuntanza técnica de traballo, que contou na súa apertura coa asistencia da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e do presidente, Alfredo García Rodríguez.
A secretaria xeral de Urbanismo, xunto co subdirector de Urbanismo, Eduardo Sobrino, e o persoal técnico do seu departamento -que redactou a nova Lei 2/2016 e o regulamento-, foron os responsables de atender e resolver as dúbidas dos técnicos das administracións locais durante a xornada.
Encarnación Rivas valorou como proveitoso o encontro de traballo ao que asistiron 90 técnicos municipais (arquitectos e xurídicos) que presentaron directamente as súas propostas ao novo regulamento, ademais de realizar as consultas que consideraron axeitadas.

É preciso recordar que a nova Lei do Solo é a primeira da historia de Galicia. Asemade trátase dun regulamento integral, que inclúe: xestión, planeamento e disciplina, o que facilitará considerablemente aos técnicos o traballo de aplicación xa que unifica e modifica os tres regulamentos anteriores; os Regulamentos Estatais de Xestión e Planeamento, ambos vixentes dende 1978, e o Autonómico de Disciplina aprobado en 1999.