O Concello de Santiago vén de abrir o procedemento para adxudicar a redacción do proxecto da Factoría de Salgueiriños, cun orzamento de algo máis de 315.000 euros. Así o acordou a Xunta de Goberno, tal e como hoxe detallou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.
A tenenta de alcaldesa lembrou que esta actuación, que permitirá darlle un novo destino á estrutura inicialmente destinada a parque de bombeiros, fai parte do Plan de Acción Integrado “Horizonte Compostela” e estará financiada con fondos europeos da EDIL. O orzamento previsto para as obras é de 4,5 millóns de euros.
María Rozas explicou que o procedemento de licitación aprobado onte inclúe, non só a redacción de proxecto básico e de execución da Factoría, senón tamén a dirección de obra. Desta maneira, o orzamento base de licitación de 315.793,99 euros, IVE incluído, distribuirase en tres anualidades e a vixencia do contrato estenderase desde a súa sinatura ata a liquidación do contrato de obras. O prazo para a redacción do proxecto será de seis meses, tres meses para a entrega do proxecto básico e outros tres meses para a entrega do proxecto de execución. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas nun prazo de 35 días naturais a contar desde o envío do anuncio ao DOUE.
Anteproxecto inicial
A concelleira de Xuventude indicou que o proxecto que redacte a empresa adxudicataria deste contrato “terá como punto de partida o anteproxecto presentado no seu día, que fala dun edificio cunha superficie construída de case 4.500 metros cadrados, distribuídos en tres plantas”. Seguindo ese deseño inicial, que pode mudar no proxecto definitivo, a Factoría contaría con catro grandes zonas diferenciadas por temáticas: unha área pensada para a música, con ata sete salas de ensaio e gravación e unha ampla sala de concertos; outra para a formación, asesoramento e estudo, con aulas, biblioteca e despachos; unha terceira zona destinada á actividade física e espazo maker; e unha área de traballo tipo coworking. Ademais, o anteproxecto prevía unha área de lecer e interacción social a modo de praza cuberta, con instalacións acaídas para a práctica de deportes urbanos.
María Rozas insistiu en que a Factoría será “un centro de referencia nas políticas públicas para a mocidade, mesmo a nivel internacional, e permitirá desenvolver iniciativas transformadoras vinculadas á educación, as industrias culturais ou a formación”. Tamén salientou que o edificio permitirá “achegarlles novas posibilidades para o ocio aos mozos e mozas, que moitas veces non atopan alternativas para socializar que non estean vinculadas aos centros comerciais e ao consumo”. Iso, insistiu, “debe ser corrixido nunha cidade como Santiago na que están empadronados 9.000 mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, e na que temos unha universidade con 23.000 estudantes matriculados”
Ademais, a concelleira puxo en valor que esta actuación “permitiranos darlle por fin un uso á estrutura de Salgueiriños inicialmente destinada a parque comarcal de bombeiros, unha vez que este Goberno decidiu que ese equipamento se construirá noutro punto da cidade máis accesible, e despois de termos comprobado que a estrutura estaba en condicións de poder ser reutilizada”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.