Pleno feminino no Curso Oficial de Monitores/as de Tempo Libre organizado polo Concello de Frades, en colaboración coa Escola Galega de Tempo Libre. O multiúsos de Frades acolleu este sábado a presentación do curso, acto ao que acudiu o alcalde en funcións e concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, quen indicou ás seis alumnas presentes que “dende o Concello de Frades estaremos sempre abertos a estas iniciativas que promoven a formación da nosa mocidade e que vos axuden a ter un mellor futuro laboral”, polo que convidounas a propoñer novos cursos formativos de cara ao futuro.
Á sesión inaugural asistiron seis das oito persoas inscritas, na súa maioría veciñas de Frades, pero con representación tamén de Oroso, Ordes e Trazo. De feito, dende o Concello lembran que aínda quedan prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden anotarse en escolagalegatl@gmail.com descargando a folla de inscrición dispoñible en www.frades.gal. O prezo do curso é de 270 euros, cun desconto de 50 euros para persoas empadroadas en Frades.
Este Curso Oficial de Monitores/as de Tempo Libre ten unha carga lectiva de 350 horas, 200 teóricas e 150 prácticas que se desenvolverán ata o vindeiro mes de xuño na Aula de Cultura do Multiúsos de Frades. Para participar so é preciso ter máis de 18 anos e estar en posesión, como mínimo, do título de Graduado en ESO. O curso capacita para a obtención da titulación oficial expedida pola Xunta de Galicia e inclúe un amplo programa de formación que inclúe: lexislación, animación e xogos, animación deportiva, primeiros auxilios, educación ambiental…
As clases teóricas serán impartidas por profesorado Escola Galega de Tempo Libre os sábados, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As clases prácticas (14 días de actividade nun campamento ou 150 horas nunha entidade de tempo libre) deberán realizarse ao rematar da fase teórica. Unha vez realizadas, haberá que aboar 11,92 euros á Xunta de Galicia en concepto de taxas de expedición do título oficial. Para máis información pódese contactar co Concello de Frades (981 695 567).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.