Tuesday 24 de March de 2026

O Concello de Ribeira oferta un obradoiro de preparación para o acceso ao Conservatorio de Música Profesional ‘Enrique Paisal’


 Está orientado a rapazada entre 8 e 14 anos

O Conservatorio de Música Profesional de Ribeira ‘Enrique Paisal’ organiza un obradoiro de preparación para o acceso a este centro coa vista posta no curso 2026-2027. Trátase dunha acción formativa orientada á rapazada con idades comprendidas entre os 8 e 14 anos que queiran cursar os seus estudos oficiais en música no Conservatorio.
“Ribeira é terra de músicos, polo que cremos que é importante que a oferta educativa pública inclúa a música. Por iso, dende este Conservatorio, lanzamos este obradoiro de preparación para o acceso no vindeiro ano académico, onde a rapazada terá a oportunidade de coñecer os distintos instrumentos e elixir cal é no que se queren enfocar durante a súa formación”, explica a concelleira de Educación, Nucha Brión, na compaña do director do Conservatorio, Álvaro López.

Este curso preparatorio é de balde e impartirase ao longo de catro semanas, nas cales se traballarán os contidos que integrarán a proba de acceso ao primeiro curso do Grao Elemental; un exame de carácter obrigatorio que terá lugar na última semana de maio.

A maiores, os nenos e nenas poderán ter o primeiro contacto coas distintas especialidades que se imparten neste centro a través das
presentacións do profesorado e alumnado, coa finalidade de servirlles como guía para a elección da especialidade que desexen estudar a partir de setembro.

Por tal motivo, o alumnado dividirase en tres grupos. O primeiro será nos martes 7, 14, 21 e 28 de abril, ás 18.30 horas; o segundo, nos xoves 9, 16, 23 e 30 dese mesmo mes, ás 17.00 horas; e o terceiro, tamén neses xoves, mais ás 20.00 horas.

As prazas son limitadas, polo que se establece un máximo de 12 inscritos e un mínimo de 6 por grupo para que estes se leven a cabo.

As inscricións aceptaranse por rigorosa orde de entrega do formulario no enderezo electrónico conservatorio@ribeira.gal.

Deja un comentario