A conselleira de Medio Ambiente sinala que os orzamentos do departamento que dirixe para o 2016 permiten fixar compromisos claros en materia de medio ambiente e urbanismo, necesarios para mellorar o territorio, as rías, o patrimonio natural, o urbanismo e a paisaxe
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou que consolidar Galicia como unha terra verde e azul é sinónimo de contribuír ao desenvolvemento turístico e económico, ademais de traballar a prol dos beneficios ambientais, culturais e sociais.
A conselleira de Medio Ambiente interveu na xornada O investimento público, clave para o emprego, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), onde destacou que é imprescindible poñer en valor a paisaxe e as características que fan a Galicia unha rexión única; pois do contrario, o feísmo e a degradación do territorio suporán á larga un deterioro da economía.
Mato Otero afirmou que Galicia é a Comunidade Autónoma que realiza un maior esforzo inversor, “é a que dedica a maior parte do seu orzamento a realizar inversións, e isto non son palabras baleiras senón que se poden documentar con números”, afirmou.
Explicou que Galicia dedicou á inversión case o dobre que a medida das comunidades autónomas, o que tamén a sitúa como líder en investimento por habitante, no 2015 a media foi de 466 euros por habitante, o que duplica a media do resto das autonomías (242 euros por habitante). Unha senda que se pretendeu mellorar, polo que nos orzamentos de 2016 se incrementaron os investimentos nun 14% máis, co que se chegará aos 1.417 millóns de euros, aclarou.
No caso concreto da Consellería de Medio Ambiente, o orzamento para o presente ano incrementouse nun 6,64%, supera os 100 millóns de euros. Esta cifra permite fixar compromisos claros en materia de medio ambiente e urbanismo, necesarios para mellorar o territorio, as rías, o patrimonio natural, o urbanismo e a paisaxe.
Aclarou que en materia de augas están previstas 56 actuacións que suman un importe de 64,5 millóns de euros; e só a provincia da Coruña absorberá tres de cada 4 euros de investimento en obras hidráulicas, é dicir, mais de 48 millons de euros.
Lembrou que dende o ano 2009 as infraestruturas hidráulicas aglutinaron máis de 1.100 millóns de euros en saneamento, depuración e abastecemento (dentro do Plan Hidrolóxico Galicia Costas 2009-2015), o que significou o maior esforzo económico na materia na historia da comunidade. Destacou que esta liña de actuación permitiu avanzar na mellora das masas de auga en bo estado que estaban no 70% e na actualidade ascende ao 78%.
Outra das grandes apostas do departamento de Medio Ambiente é o Plan Hurbe, que impulsa a humanización e urbanización de todas as cidades e concellos de Galicia, ademais de construír equipamentos culturais e sociais. Esta liña de traballo permitiu mobilizar desde o ano 2010 un total de 112 millóns de euros para levar a cabo actuacións en 67 concellos. Neste ano tamén se mantén esta iniciativa, á que se destinarán 6 novos millóns de euros.
Asemade, a conselleira explicou que –ademais das obras hidráulicas e de urbanismo- outro foco de inversión é o tratamento dos residuos. Nese sentido, para seguir mellorando dedicarase un importante investimento á ampliación das instalacións do complexo medio ambiental de Sogama. Así, destinaranse 30 millóns de euros á construción dunha nova planta de recuperación de envases procedente do lixo en masa, coa que se tratará a totalidade dos residuos que chegan a Sogama. Tamén se construirá unha nova planta de compostaxe nas instalacións de Areosa, con capacidade para 15.000 toneladas e un orzamento de case 4 millóns de euros, ademais dos máis de dous millóns de euros para a ampliación das plantas depuradoras do complexo.
Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou a importancia de encontrar o equilibrio perfecto entre a sostibilidade e o crecemento, unha fórmula que garanta a convivencia entre a protección da nosa contorna e o desenvolvemento económico e industrial.
Recordou que a nova Lei do solo baséase en tres garandes eixes que son os tres grandes retos: conseguir que todos os concellos de Galicia dispoñan dun planeamento urbanístico de calidade; fomentar o desenvolvemento do rural; e conseguir a máxima protección da paisaxe.