Tuesday 24 de March de 2026

Neda aumenta a súa poboación por segundo ano consecutivo e avanza cara aos 5.000 habitantes


A cifra proposta polo INE apuntala a tendencia positiva, tras décadas de perdas

Neda volveu gañar poboación durante o 2025. Segundo acredita a comunicación enviada polo INE, a cifra que se oficializará a finais de ano será positiva para o localidade, que dá así un novo paso adiante no seu obxectivo de volver superar o listón dos 5.000 habitantes. Consolídase pois o cambio de tendencia iniciado no pasado exercicio.
Segundo o escrito asinado pola delegada provincial do citado instituto oficial, adscrito ao Ministerio de Economía, “unha vez incorporada á base do INE a información contida nos ficheiros mensuais sobre variacións padroais remitidas” ao longo do 2025, a proposta resultante de cifra de poboación a 1 de xaneiro do 2026 é de 4.955 habitantes.
Por tanto, Neda tería aumentado ao longo dos doce meses o número de veciños e veciñas en 30 persoas, pois a cifra oficial no arranque do pasado ano foi de 4.925. Un dato esperanzador para unha vila pequena, que co dato de xaneiro do 2025 conseguía rachar tres décadas, case ininterrompidas, de perda poboacional. Rexistraba naquel intre un saldo positivo de 57 veciños.
É a terceira vez en 30 anos que Neda experimenta un crecemento, e todas se produciron no último sexenio. Así, ás ocasións citadas, cómpre sumar o ano posterior ao estalido a pandemia, período no que a localidade sumaba 9 habitantes. Ademais, a cifra podería aumentar pois o Concello baralla presentar alegacións ao existir discrepancias entre a proposta do INE e os datos que manexa o consistorio, aínda máis positivos.
O Concello, que leva a cabo campañas periódicas para fomentar o empadroamento e dispón de axudas de natalidade, orientadas a fixar poboación, lembra que todas as persoas que residen en Neda de forma permanente ou a maior parte do ano deben estar inscritas no Padrón Municipal, subliñando que o empadroamento é un dereito e tamén un deber. Entre outras cousas, as cifras de poboación repercuten nos ingresos que se reciben doutras administracións para a mellora de infraestruturas e a prestación de servizos á veciñanza.

Deja un comentario