O Concello de Boqueixón está a avanzar nos traballos de mellora de servizos na localidade de Zaramacedo, na parroquia de Lamas. Unha tripla actuación de mellora do saneamento, recollida de pluviais e firme do viario que supón un investimento de 27.000 euros, ao abeiro do Plan Único de 2024.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, salienta que “seguimos avanzando na mellora dos servizos ás parroquias. Se a principios de mes comezamos a traballar en Ardilleiro Pequeno, na parroquia da Granxa, e nas aldeas de Outeiro, Iglesia e Agra, na parroquia de Loureda, agora acabamos de iniciar un proxecto de mellora do saneamento, das pluviais e dun viario en Zaramagoso”.
Durante estes días, en Zaramagoso estase procedendo a instalar 130 metros de tubaxe para a canalización do sistema de saneamento, que inclúe a instalación de cinco pozos de rexistro. A maiores, canalizaranse tamén as augas pluviais, coa colocación de cinco arquetas sumidoiro e dous pozos de rexistro.
A maiores, mellorarase a seguridade viaria na zona mediante o revestido de dúas cunetas, de 1 e 2 metros de ancho, así como o amaño dun treito da estrada con tripla rega asfáltica. Finalmente, procederase á limpeza de gabias e salvagabias para unha drenaxe máis eficiente.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.