Tuesday 24 de March de 2026

As obras no paseo dos Areos avanzan a bo ritmo e encaran a súa finalización antes de Semana Santa


A acción continuada dos temporais provocou o lavado progresivo da cimentación do muro, descalzándoa e xerando unha perda de estabilidade

 

As obras de reparación do paseo dos Areos avanzan a bo ritmo. Así o confirmou o alcalde, José Carlos Vidal, tras visitar a zona xunto á concelleira de Obras, Patricia Lojo, para comprobar de primeira man a evolución do proxecto. O rexedor confía en que as intervencións estean rematadas “á maior brevidade para que esta contorna estea en perfectas condicións de cara á chegada da Semana Santa”.

O Concello impulsou esta actuación con carácter urxente debido ao deterioro existente nun tramo de aproximadamente 90 metros lineais e que podía mesmo comprometer a DP-6703, unha das arterias fundamentais do termo municipal. Para solucionar esta situación e recuperar o espazo para o uso da veciñanza, iniciouse un expediente destinado á consolidación da cimentación do paseo mediante o reforzo do muro.

Neste sentido, o alcalde subliñou que “a execución destes traballos non debería correr a cargo do Concello, senón doutras administracións”. Con todo, tal e como incidiu, “ante unha situación na que o que está en xogo é a seguridade dos veciños e veciñas, consideramos prioritario levala a cabo”.

O proxecto inclúe o recalce da cimentación por bataches, cunha penetración de 80 centímetros respecto á rasante actual da area, completándose posteriormente co recheo con formigón. Trátase dun sistema xa empregado con éxito anteriormente noutro tramo do paseo, que permitirá estabilizar de maneira temporal a estrutura.

Deja un comentario