Monday 23 de March de 2026

As obras de renovación integral da estrada entre Santa Margarita e a Baiuca avanzan a pleno rendemento


Invístense máis de 450.000 euros no novo pavimento, ancheamento da calzada e mellora da seguridade viaria.

As obras de renovación integral da estrada de Montemaior que comunica Santa Margarita con A Baiuca pasando polos núcleos de Goexe, O Sopé e Propeste estanse a executar actualmente a pleno rendemento despois de que tivesen que ser paralizadas durante varias semanas debido as condicións climatolóxicas adversas sufridas durante o inverno.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro delegado da área de Obras, Pablo Cambón, realizaron unha visita ao lugar das actuacións para supervisar os traballos.

Trátase dun amplo, completo e ambicioso proxecto que significará unha mellora substancial das comunicacións nunha zona que nos últimos anos rexistrou un notable incremento do volume de tráfico. A actuación presenta tres obxectivos prioritarios: aumentar a seguridade viaria ao facilitar a circulación dos vehículos, incrementar os servizos e reducir os tempos de percorrido para os usuarios da vía.

En total están afectados 2.355 metros lineais da estrada, que pasarán a duplicar a anchura da plataforma da calzada ata alcanzar os dez metros, o que será especialmente notable no tramo entre A Baiuca e Propeste, que era o máis estreito antes da execución do proxecto. A superficie de rodadura está a ser dotada cun novo pavimento e serán instalados elementos de seguridade como biondas e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Tamén se mellorará a rede de recollida de augas pluviais.

O proxecto está valorado en 390.000 euros que cofinancian o Concello e a Deputación da Coruña a través do Plan Único POS+, ademais dos 62.600 euros investidos previamente con fondos propios municipais na adquisición dos terreos afectados polas obras.

Deja un comentario