Monday 23 de March de 2026

O Concello de Santiago dedicará máis de 1,2 millóns de euros ao mantemento integral das áreas de xogo infantís da cidade


A Xunta de Goberno adxudicou este luns o servizo á empresa Aceinsa Movilidad SA por un importe total de 1.236.111,84 euros para conservar 89 áreas de xogo e 27 parques biosaudables ata 2029. É primeira vez que o Concello conta cun contrato de mantemento para o conxunto destas áreas.

O Concello de Santiago adicará máis de 1,2 millóns de euros ao mantemento integral das áreas de xogo infantís da cidade
O goberno local adxudica o contrato do servizo de conservación e mantemento integral das áreas de xogo infantís do Concello de Santiago. En concreto, trátase de máis de 23.000 metros cadrados de parques infantís distribuídas en preto dun cento de parques infantís, aos que se suman as 27 áreas de biosaudables: Vidán, Santa Lucía, San Xoán, Salgueiriños, Roxos, Rial-Laraño, Praza de Vigo, Praza da Constitución, Pontepereda, Parque Xixón, Pablo Iglesias, Outeiro de Sar, Mourentán, Granxa do Xesto (circuíto), Eugenio Granell, Cotaredo, Choupana, Carlomagno, Carballal, Belvís, As Cancelas, Angrois, Almáciga, Alexandre Bóveda, Agros de Ramírez, A Gracia e Alameda.

Este contrato, que permitirá ademais actualizar a cartografía e o inventario dos parques, inclúe tamén un plan de inspeccións dos parques infantís. Semanalmente, desenvolveranse traballos de inspección de rutina para detectar posibles anomalías e disfuncións. De forma mensual, como mínimo, realizarase un exame detallado das áreas de traballo e os seus elementos para comprobar a funcionalidade e a estabilidade. E anualmente, levarase a cabo unha inspección principal por parte dunha entidade acreditada pola ENAC.

O Concello compromete un gasto por importe de 1.236.111,84 euros que entre 2026 e 2029. Para este ano, corresponde un investimento de 343.364,40 euros, mentres que para 2027 se establece unha partida de 412.037,28 euros, o mesmo que para 2028. Finalmente, en 2029 o orzamento é de 68.672,88 euros.

Ademais de substitución de elementos, a adxudicataria efectuará un mantemento de rutina ou preventivo, con actuacións coma o axuste de pezas de unión, revisión de cadeas e asentos, retirada de elementos perigosos, mantemento de superficies amortecedoras, nivelación dos chans amortecedores ou limpeza de pintadas, entre outras cuestións.

Licenzas e vivenda

Na Xunta de Goberno de hoxe aprobáronse dúas licenzas de obra maior para a construción de cadansúa vivenda unifamiliar na rúa do Coto dos Olmos e na rúa Pedreiras. Tamén se outorgou unha licenza de obra para cambio de uso de almacén a garaxe nunha vivenda do Campo de Santa Marta.

En materia de vivenda, a Xunta de Goberno tomou conta dunha sentenza que vén avalar a actuación do Concello e o funcionamento e a utilidade do Rexistro de Soares.

Concretamente, a Sección número 2 do contencioso administrativo do Tribunal de Instancia confirmou que se impuxo correctamente unha multa de mil euros á propiedade do inmoble Espíritu Santo número 33 polo seu estado de conservación.

Este inmoble foi declarado en situación de ruína no 2022 e en 2023, ordenouse a presentación dun proxecto para a súa rehabilitación. Ao non cumprirse, resolveuse a execución forzosa mediante multa coercitiva de 1000 euros, que é o acto impugnado nesta demanda que resultou favorable ao Concello. Posteriormente, o Concello inscribiu o inmoble no Rexistro de soares, e procedeu á súa venda forzosa.

A demandante alegaba en síntese que só era propietaria do 10% do inmoble, que a multa era desproporcionada, e que non podía cumprila porque non tiña acceso ao inmoble. Tamén alegou a posterior venda.

Non obstante, o Xulgado rexeitou todos estes motivos, toda vez que considera que a orde, firme, non foi atendida; que a multa imponse de forma solidaria a todos os propietarios e que foi imposta na súa contía mínima, polo que non é desproporcionada.

Por outra banda, a sesión ordinaria deste luns deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do edificio destinado á Factoría.

Deja un comentario