A plataforma municipal de contratación do Concello de San Sadurniño ten publicada desde o pasado día 18 toda a documentación relativa á licitación do contrato para renovar as principais liñas da iluminación pública do concello. Trátase dun dos proxectos máis ambiciosos do actual mandato, xa que con el van pasarse a led case 700 puntos de luz, ademais de unificar instalacións e renovar outro equipamento para, por unha banda, mellorar as condicións lumínicas e, por outra, reducir considerablemente a factura da luz. De feito, agárdase que o consumo enerxétido se reduza nun 70%. Esta actuación sae a contratación pública por un importe de 386.990 euros, impostos incluídos, que se financiarán cunha achega do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía) en forma de crédito a dez anos sen xuros que o Concello irá amortizando co aforro conseguido. As empresas teñen até o 7 de abril para presentar as súas ofertas.
O plan de renovación abranguerá a maioría das redes principais que aínda non mudaron a led, xa que hai que ter en conta que o Concello leva varios anos facendo a transición cara a esta tecnoloxía por ser máis aforradora en termos de consumo e de mantemento, pero tamén por ofrecer configuracións que permiten reducir a contaminación lumínica garantindo ao mesmo tempo unha claridade máis agradable e uniforme.
Así, con cargo a este proxecto, en Bardaos uniranse as redes das Loibas e a Bañoca, que pasarán a contar con 115 puntos de luz led. En Ferreira renovarase a rede do fondo da parroquia, con 119 puntos. En Igrexafeita actuarase ao longo da antiga estrada xeral e nos lugares da Fraguela e a Penalonga, sumando 77 farois. En Lamas substituirase o alumeado de Portolamas, o Freixo e as Ramisqueiras -cun total de 68 puntos- ademais de toda a rede desde Riboira ao Chao de Lamas (108 puntos). Finalmente, en Naraío renovaranse os puntos do Piñeiro e O Freixo -61 luces en conxunto- e tamén os do Eirexado e a Ferraría, que suman 65. Ademais tamén se ampliará á zona de Vilafiúnce -seguindo a estrada de Pedroso- a iluminación coa que xa contan o resto do centro urbano de San Sadurniño e Cornide.
No proxecto non están todas as iluminacións públicas debido a que a convocatoria do IDAE primaba as actuacións que supuxesen un aforro suficiente para asegurar o retorno económico do investimento necesario. Por este motivo, o Concello tivo que centrarse nas liñas que van recollidas no proxecto final e descartar outras que se incluíran na memoria valorada inicial, como foi o caso dos eixos A Golpilleira, O Vilar, o Colado e Castrelo, en Santa Mariña do Monte, con 47 luminarias. Con todo, segundo aclara Secundino García Casal, esta e outras pequenas redes “tamén se renovarán máis adiante tirando do Fondo Ambiental ou de partidas económicas propias ou doutras administracións, tal e como viñemos facendo nos últimos anos para ir pasando a led todo o que hoxe está xa feito”.
Xunto á renovación das farolas -666 en total- tamén se levará a cabo a unión e modernización de centros de mando, cambiaranse cableados deteriorados e incluso está previsto substituír ata 90 brazos de suxeición. Tamén se instalarán módulos de regulación que reducirán automaticamente a intensidade lumínica en horarios de menor tránsito, reforzados cun sistema avanzado de telexestión que posibilitará o control remoto da rede. Esta tecnoloxía permitirá adaptar a iluminación ás necesidades reais de cada momento, realizar apagados selectivos en zonas de pouco uso nocturno e detectar de inmediato posibles incidencias.
Segundo o rexedor o proxecto vai encamiñado principalmente a modernizar a rede de iluminación pública e “reducir a factura da luz, que pode baixar arredor de 45.000 euros anuais, segundo os estudos preliminares que se fixeron para presentarlle a solicitude ao IDAE”. Secundino García Casal tamén puxo en valor a nova tecnoloxía de xestión remota “coa que saberemos en todo momento cal é o estado da rede, de maneira que a veciñanza non terá que avisar cando haxa unha avaría, senón que xa nolo dirá o propio sistema”.
O proxecto sae a licitación pública en 386.990,40 euros, impostos incluídos. Esta contía estará financiada polo instituto estatal cunha fórmula de crédito sen xuros que se deberá volver no prazo máximo de 10 anos. “Ao ano teremos que amortizar algo menos de 40.000 euros de crédito do IDAE. Se se cumpren as previsións de aforro de 45.000 euros anuais, poderemos volver a axuda dentro do prazo máximo ou incluso antes. Aínda que preferiríamos que fose unha subvención a fondo perdido, esta fórmula de financiamento é tamén moi vantaxosa porque na práctica será o propio investimento quen pague o préstamo”.
Con esta nova actuación, o Concello de San Sadurniño dálle continuidade ao proceso de modernización iniciado hai anos, que xa permitiu implantar luminarias led no centro urbano, en Cornide e en varios treitos principais das estradas AC-125 e AC-862. O obxectivo agora é avanzar cara a unha rede máis eficiente, que non só supoña un importante aforro económico, senón que tamén reduza a proxección de luz ao ceo nocturno e as emisións contaminantes, “axudando desta maneira a mellorar a sostenibilidade ambiental do noso concello. Porque aínda que o mundo estea desbaratado polas guerras e os intereses dos grandes bloques económicos e de poder, nós mantemos intacto o noso compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas”, remarca o alcalde.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.