Monday 23 de March de 2026

O PSdeG acusa á Xunta de Rueda de permitir un delito ambiental en Miramontes e leva a condena ao Parlamento


Aitor Bouza advirte de que a condena “non é un caso illado” e denuncia unha forma de actuar “neglixente” do Goberno galego en materia ambiental.

O deputado socialista reclama actuacións inmediatas, reparación dos danos e responsabilidades políticas pola inacción da Xunta.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento de Galicia a recente sentenza sobre o vertedoiro de Miramontes e esixirá á Xunta de Rueda actuacións inmediatas para reparar os danos ambientais causados.
Bouza lembrou que esta resolución xudicial respalda “todos eses anos de denuncias veciñais” nas que se reclamaba a actuación da Xunta “nunha cuestión tan sensible e tan importante como é o medio ambiente”.
Neste sentido, advertiu de que o acontecido “non é un caso illado” e subliñou que non se pode permitir que esta situación “se quede simplemente nunha noticia dun día” sen consecuencias políticas.
O deputado socialista destacou o traballo da veciñanza, que “levaba anos defendendo o que era xusto” e tamén “o patrimonio de todas e de todos”, e asegurou que agora cómpre dar unha resposta política á altura da gravidade dos feitos.
Por iso, anunciou que o PSdeG instará ao Goberno galego a “avaliar todo o impacto xerado polo vertedoiro de Miramontes” e polos efectos que “se recoñecen na propia sentenza”.
Ademais, Bouza reclamou que “se retiren de maneira inmediata todos eses residuos” e que se impulsen “todas as medidas necesarias” para garantir a restauración ambiental das zonas afectadas e a reparación dos danos causados.
O dirixente socialista advertiu de que o ocorrido pon de manifesto unha actuación absolutamente “neglixente” por parte da Xunta de Rueda e criticou que o Goberno galego “faga caso omiso ás reivindicacións medioambientais da veciñanza”.
Neste contexto, Bouza preguntouse se este delito ambiental “é produto dunha inacción da Xunta de Galicia” e, polo tanto, se existen “responsables políticos” desta situación.
Finalmente, subliñou que “o medio ambiente tamén é saúde e calidade de vida” e asegurou que o PSdeG esixirá no Parlamento “a restitución do noso patrimonio, a asunción de responsabilidades e unha avaliación integral do estado actual da zona afectada”.

Deja un comentario