· A iniciativa, impulsada pola concellería de Cultura e a asociación Amas de Casa Consumidores e U. Caramiñas, terá lugar o 28 de marzo no teatro Elma
O Concello da Pobra do Caramiñal e a asociación Amas de Casa Consumidores e U. Caramiñas organizan o vindeiro 28 de marzo un concerto solidario a cargo do dúo ‘En voz baixa’, que terá lugar ás 20.30 horas no teatro Elma.
Trátase dunha proposta musical en formato íntimo, caracterizada por un repertorio variado interpretado en directo. O dúo destaca por ofrecer experiencias acústicas próximas e acolledoras, nas que o público “poderá gozar da música dun xeito persoal e emotivo, consciente de que está a apoiar unha boa causa”, explicou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, durante a presentación.
E é que a recadación do evento destinarase á Fundación Aladina, unha entidade cuxa labor social está baseada no benestar dos nenos e nenas con cancro e as súas familias.
Lojo animou á veciñanza a participar neste evento, “que combina cultura e solidariedade a partes iguais e contribúe a unha causa de gran importancia social”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.