Monday 23 de March de 2026

A Mancomunidade Serra do Barbanza recibe da Xunta 177 contedores para a recollida selectiva de papel-cartón e envases lixeiros


A conselleira de Medio Ambiente apostou pola reciclaxe e “darlle unha mensaxe fundamental á cidadanía: isto vai repercutir no seu bolsillo”

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Brión destacou que nestes 3 meses dende a incorporación a Sogama “xa se melloraron moitas cousas” aínda que “queda moito por facer”

A urbanización Agronovo de Brión acolleu esta mañá o acto de entrega de 177 contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón á Mancomunidade Serra do Barbanza. Un acto presidido pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e polo presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza e alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín.

Un acto no que estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o presidentes de Sogama, Javier Domínguez Lino; o director de Xestión Local e Autonómica en Ecoembes, Ángel Hervella; representantes de Ecovidrio; así como polos alcaldes de Lousame, Esteban Ares García; Ames, Blas García; Porto do Son, Luís Oujo; Rois, Ramón Tojo Lens; e Carnota, Juan Manuel Saborido.

Incorporación a Sogama

Pablo Lago destacou que “todos os que estamos presentes sabemos da importancia que teñen estes contedores, non só para fomentar a reciclaxe e coidar o noso medio ambiente, senón tamén para ter contentos aos veciños e veciñas de cada concello e facilitarlles a reciclaxe”. Por iso, explicou que “nós en Brión comezamos con esta illa de reciclaxe e imos seguir facendo estas inversións en todos os núcleos con máis poboación do concello para educar á xente”.

Ademais, Lago Sanmartín agradeceulle á conselleira que “aceptara a nosa petición de incorporarnos a Sogama. Nestes tres meses xa se melloraron moitas cousas, queda moito por facer pero a verdade é que despois dun modelo caducado e rexeitado por Europa permitirnos chegar a onde estamos na actualidade creo que foi un logro da Mancomunidade e de todos os que estamos aquí. Grazas e a seguir colaborando”.

Mellora na reciclaxe e na compostaxe

Pola súa banda, Ángeles Vázquez lembrou que “Europa falou, e fíxoo varias veces, dicindo que este non é o sistema e que hai que ir cara outro. Agora toca mellorar os estándares de reciclaxe, que son fundamentais”. Neste sentido, indicou que “despois de ver que a Mancomunidade xa se adheriu ao convenio tanto de Ecoembes como de Ecovidrio, Sogama ten que seguir apostando tamén polos composteiros e darvos esa baza importante para que poidades ir pola vía do quinto contedor pero que sexa complementario nas zonas máis rurais, ou non sendo zonas rurais aló onde haxa unha casa cunha finca tamén, pero despois hai que dar os servizos e iso comeza co que son os contedores”.

A conselleira fixo fincapé en que “miramos as zonas máis rurais porque somos conscientes de que temos que darlles servizo a todos pero iso supón un incremento substancial do custo que ten que ser resarcido dalgún xeito”. Por iso puxo en valor a entrega destes 177 contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón xa que “tonelada reciclada é tonelada de ingresos e non é o mesmo pagar mil euros que recibir mil euros. Polo tanto, temos que darlle unha mensaxe fundamental á cidadanía: isto vai repercutir no seu bolsillo. Canto mellor o fagamos, os cidadán máis apreciarán que o tratamento é menos custos e menos impostos”.

Convenio de colaboración

A entrega destes 177 contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón é froito dun convenio de colaboración asinado o pasado 10 de febreiro en Madrid polo presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Pablo Lago Sanmartín, e o director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembalajes España SA (Ecoembes), Ángel Hervella Touchard, para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón, de forma que se incrementen as porcentaxes de recuperación e reciclado destes residuos.

Ademais, a Mancomunidade comprométese a que estes 177 contedores non serán empregados para substituír outros da súa propiedade, así como a colocalos na vía pública e prestar un servizo de recollida de calidade e cunha frecuencia que facilite e incentive a participación da veciñanza na recollida selectiva.

Deja un comentario