Monday 23 de March de 2026

Marta Álvarez propón a creación dunha Rede Municipal de Espazos Cardioprotexidos en Santiago


• A concelleira non adscrita defende a necesidade de coordinar “e facer accesibles” os desfibriladores xa existentes no municipio coa creación dun inventario e un mapa público destes dispositivos

• A proposta busca “mellorar a resposta ante paradas cardiorrespiratorias e avanzar cara un concello máis seguro e preparado”

As concelleiras Non Adscritas levarán ao pleno deste xoves unha iniciativa para impulsar a creación dunha Rede Municipal de Espazos Cardioprotexidos, co obxectivo de “reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias sanitarias”. Así o explicou este luns Marta Álvarez, que lembra que as enfermidades cardiovasculares continúan a ser unha das principais causas de mortalidade en España e Europa, destacando especialmente a gravidade da parada cardiorrespiratoria súbita, “unha situación na que a rapidez de actuación resulta determinante”.

Neste sentido, subliña que a evidencia médica confirma que a aplicación temperá de manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e o uso de desfibriladores externos automáticos (DEA/DESA) nos primeiros minutos “pode aumentar de forma moi significativa as probabilidades de supervivencia”.

A concelleira non adscrita sinala que Galicia ten experimentado avances importantes en materia de cardioprotección, con máis de 2.000 desfibriladores activos instalados en espazos públicos e privados. Tamén destaca iniciativas como a instalación destes dispositivos nos albergues públicos do Camiño de Santiago, “contribuíndo a converter o itinerario nun espazo cada vez máis seguro” para peregrinos e traballadores.

No caso de Santiago de Compostela, Álvarez recoñece que existen xa desfibriladores en múltiples localizacións, como instalacións deportivas, centros educativos, edificios administrativos e entidades privadas. Porén, advirte de que estes recursos “atópanse actualmente dispersos e sen unha estratexia municipal unificada, nin un mapa público que permita coñecer con claridade a súa localización e accesibilidade” en caso de emerxencia.

Neste contexto, defende que a capital galega, como destino de centos de miles de visitantes e peregrinos, debe aspirar a consolidarse como unha cidade cardioprotexida. Para iso, considera fundamental “coordinar os recursos existentes e ampliar progresivamente a súa cobertura en espazos de alta afluencia”.

A proposta presentada inclúe a creación dun inventario e un mapa público de desfibriladores, así como a instalación progresiva de novos dispositivos en puntos estratéxicos da cidade. Ademais, aposta por reforzar a coordinación cos servizos de emerxencias sanitarias e promover a formación en soporte vital básico tanto entre o persoal municipal como na cidadanía.

Finalmente, Álvarez insta ao goberno local a liderar un proceso de colaboración con entidades públicas, privadas e sociais que permita ampliar de maneira coordinada a rede de espazos cardioprotexidos, garantindo así unha resposta máis eficaz ante situacións de risco vital e contribuíndo a salvar vidas.

Deja un comentario