Monday 23 de March de 2026

O BNG pregunta ao goberno da Laracha se apoiará á veciñanza contra a planta de biogás en Soandres


A portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Laracha, Carolina Castiñeiras Brandón, rexistrou unha pregunta para o vindeiro pleno municipal co obxectivo de coñecer a postura do goberno local ante o proxecto de instalación dunha planta de biogás na parroquia de Soandres.

Segundo lembra o grupo nacionalista, en abril de 2022 a Xunta de Galicia declarou prioritaria unha iniciativa empresarial para instalar no municipio unha planta de biometano cun investimento superior aos oito millóns de euros e coa previsión de crear arredor dun cento de postos de traballo.

A planta produciría gas renovable a partir da descomposición anaeróbica de materia orgánica procedente de residuos urbanos, augas residuais e residuos agrícolas, gandeiros e forestais. De acordo co anteproxecto presentado, a instalación precisaría arredor de 60.000 toneladas anuais deste tipo de residuos, que procederían non só da Laracha senón tamén doutros puntos.

Con todo, desde o BNG aseguran que, segundo a información da que dispoñen, na actualidade non existe un proxecto en firme por parte da empresa promotora, Bioenergía A Coruña S.L., sociedade que —segundo sinalan— foi constituída poucos meses antes de presentar o anteproxecto e conta cun capital social de 3.000 euros.

A formación nacionalista cuestiona tamén as previsións de creación de emprego anunciadas inicialmente e advirte do posible impacto ambiental dunha instalación destas características, tanto polo incremento do tráfico de vehículos pesados como polos cheiros asociados ao tratamento de residuos orgánicos.

Neste contexto, o BNG sinala que a veciñanza de Soandres amosou xa a súa preocupación pola posible instalación da planta, como se puxo de manifesto na xuntanza veciñal celebrada o pasado domingo, na que —segundo indican— o rexeitamento ao proxecto foi unánime.
Por iso, o grupo municipal nacionalista trasladará ao pleno as inquedanzas da veciñanza e preguntará ao goberno local cal é a súa postura oficial respecto a esta iniciativa e se está disposto a apoiar á veciñanza para evitar a súa instalación.

Deja un comentario