Presidido por primeira vez polo alcalde Esteban Ares e polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez
Preto de 250 veciños e veciñas, maiores de sesenta anos, déronse cita na VI Xuntanza de Maiores do Concello de Lousame, que tivo lugar hoxe domingo no restaurante O Trapeiro. O dúo Aires de Broña puxo a nota musical antes de iniciarse o xantar e protagonizou o baile posterior.
O encontro estivo presidido por primeira vez polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García; e polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, Perfecto Rodríguez. Un acto no que estiveron acompañados polos concelleiros de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; Obras, Ramón Martínez; Deportes, Mariel Agrafojo; e Seguridade Viaria, José Antonio Ces; así como polos voceiros dos grupos municipais do PSOE, Juan José Prego, e do BNG, Anxo Moledo.
Esteban Ares destacou que “para min é a primeira vez que presido esta xuntanza e é unha alegría ver tanta xente aquí. Penso que é un acto moi bonito e que hai que manter ano tras anos porque estas xuntanzas fan unión e fan pobo”. Así mesmo, tivo palabras de agradecemento e solicitou un gran aplauso dos presentes para os técnicos municipais e as voluntarias europeas que se encargaron da loxística do evento.
Pola súa banda, Perfecto Rodríguez trasladoulles aos presentes un saúdo cordial do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira de Política Social, Fabiola García, ademais de “seguir ofrecéndolle ao Concello a colaboración da Xunta de Galicia para seguir traballando para que as persoas maiores teñades máis e mellores servizos”. Perfecto Rodríguez felicitou ao Concello de Lousame “por seguir organizando un ano máis unha xuntanza de maiores, un dos eventos máis importantes porque é un recoñecemento a toda unha vida de traballo e, grazas ao voso traballo, hoxe temos os servizos que temos. Que o Concello dedique cando menos un día ao ano para recoñecer o voso labor creo que é de xustiza”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.