Sunday 22 de March de 2026

Gonzalo Muíños valora positivamente o avance na licitación do transporte pero advirte de riscos económicos e posibles atrasos na licitación


• Recalca que o modelo do contrato de servizos polo que apostou o goberno local, en lugar da concesión, deposita no propio Concello con todo o risco operacional

• Aínda que celebra a concorrencia de varias empresas “como garantía dunha mellora do servizo” pide cautela nos prazos “xa que pode haber novos recursos que paralicen o proceso”

O concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, cualificou como “unha boa nova” o avance no proceso de licitación do transporte urbano, ao que concorren cinco empresas. Un feito que, segundo Muíños, podería mellorar a prestación futura xa que “ao haber diversidade de ofertas está claro que redundará nunha mellora do servizo para a cidadanía”.

Con todo, Muíños advertiu de que estes avances deben ser recibidos “con cautela” ao tratarse dun contrato de gran dimensión e con importantes intereses económicos en xogo. Neste sentido, non descartou a posibilidade de que se presenten novos recursos, especialmente na fase de valoración das ofertas, o que podería derivar en novas paralizacións do proceso.

O edil tamén puxo o foco nas “grandes incertezas” que, ao seu xuízo, seguen existindo arredor do modelo de xestión escollido. Criticou que o goberno local desoíse o mandato do pleno, que en xuño do 2025 aprobaba instar ao executivo a definir previamente a forma de xestión do servizo coa participación de toda a Corporación Municipal. “O BNG optou por un contrato de servizos en lugar dunha concesión, asumindo o Concello todo o risco operacional”, sinalou.

Neste contexto, Muíños advertiu de que este modelo implica que a empresa adxudicataria “non asuma risco ningún”, de xeito que posibles perdas derivadas dunha baixada de usuarios ou doutras circunstancias terán que ser cubertas con fondos públicos. Ademais, cuestionou que o Concello dispoña actualmente dos medios necesarios para xestionar un contrato destas características, ao non existir, segundo indicou, planificación en termos de persoal e recursos suficientes en Tussa para afrontar esta tarefa.

Por último, o concelleiro non adscrito amosouse crítico coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, a quen acusou de ter unha “credibilidade en horas baixas”. Muíños puxo en dúbida o compromiso público de Sanmartín para que o servizo chegue á parroquia de Busto e lembrou compromisos anteriores que, segundo afirmou, non foron cumpridos, como a xestión do contrato da auga “sendo capaz de incumprir o que ela mesma asinou, reclamando no 2022 que o pleno determinase a fórmula de xestión e anunciando agora a súa intención de saltarse este trámite para aprobalo directamente en xunta de goberno”.

Deja un comentario