O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de manter un encontro coa nova presidenta de Empresarias Galicia, Gala Llano, co gallo de reforzar a colaboración coa entidade para avanzar na igualdade entre homes e mulleres tanto no eido do emprendemento como nas contornas de traballo. Na xuntanza tamén participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.
En concreto, abordouse o papel de Empresarias Galicia como axente directamente implicado na futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio orientada a fixar actividade económica no rural e a favorecer o equilibrio territorial e a remuda, tras ter asinado o manifesto para a creación dunha rede autonómica de colaboración público-privada a prol do emprendemento. Unha estratexia na que terá un papel central a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 centros repartidos por toda Galicia que teñen atendido xa arredor de 6.000 proxectos, un 57 % deles a cargo de mulleres. A maiores, na reunión falouse doutras cuestión como a futura Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados, as axudas por 1,2 M€ destinadas a impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados no marco do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, a iniciativa para concienciar ás novas xeracións Que non te líen, ti elixes ou o campus formativo en igualdade laboral.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.