• A concelleira Non Adscrita destaca a importancia do fallo da Audiencia Provincial que confirma un delito contra o medio ambiente e pide acción inmediata da Xunta de Galicia
• Ve certo “tacticismo” en que o goberno local presentase a moción sen buscar consenso previo coas forzas que xa compartían a mesma posición
As Non Adscritas queren que a moción de urxencia presentada polo goberno local para reclamar á Xunta a retirada dos residuos da canteira de Miramontes sexa asumida como declaración institucional por toda a Corporación Municipal. Así o reclamou este sábado Mila Castro, que compartiu a satisfacción das veciñas e veciños tralo fallo da Audiencia Provincial que ratifica o incumprimento das condicións autorizadas por parte da empresa Tecnosolos Galaicos no caso da canteira de Miramontes e confirma a existencia dun delito contra o medio ambiente.
“Como concelleira de Medio Ambiente no pasado mandato, son moi consciente do enorme esforzo que realizaron estes veciños e veciñas, así como tamén diferentes equipos municipais na elaboración de informes e no proceso xudicial”, explicou Castro.
Reclaman ademais unha actuación inmediata para salvagardar a contorna: “Este fallo debe servir para actuar con urxencia. Exiximos á Xunta de Galicia que proceda á retirada inmediata dos residuos e á recuperación ambiental da canteira. E pedimos tamén ao goberno local que traballe para alcanzar o consenso. É tempo de actuar cunha posición de lealdade institucional”
A concelleira non adscrita confirmou que apoiarán a moción e se ofrecen a asinala xa, subliñando que “non se trata de política partidista: trátase de responsabilizarse do noso territorio, garantir a retirada dos residuos e defender o medio ambiente de Santiago de Compostela”.
En marzo de 2022, Castro xa impulsara unha iniciativa conxunta con BNG e Compostela Aberta para rexeitar a utilización da canteira como vertedoiro. “Non ocultamos a nosa sorpresa porque o goberno local non quixese partir dese consenso que saben que existe e sumar, cando menos, as nosas sinaturas a esta moción. Pero como o fin é máis importante que as formas, poñemos as nosas firmas a disposición desta fronte e tamén reclamamos ao Partido Popular que faga o propio. A defensa do medio ambiente e do interese xeral da cidade non pode depender de cores políticas: é un deber de toda a corporación actuar con unidade e firmeza”, concluíu sinalando “certo tacticismo político” na posición do BNG e CA.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.