Saturday 21 de March de 2026

A Xunta habilita unha plataforma na parcela que deixa a demolición do Hotel de Pacientes, obra necesaria para avanzar nos accesos ao novo CHUAC


― Tras a derruba do vello inmoble, realizáronse os traballos para a retirada das cimentacións e a adecuación da contorna coa construción da nova plataforma, que conta cunha superficie de 1.000 m2

― A liberalización do espazo facilitará a entrada de maquinaria pesada para a demolición do paso actual sobre a AC-12 e a construción dun novo viaduto

― A derruba do vello inmoble xerou 10.000 m3 de residuos, dos que preto de 2.600 reutilizáronse no acondicionamento da contorna

― A actuación realizouse de forma coordinada co complexo hospitalario para minimizar a afección ao funcionamento diario e cumpriu o plan de bioseguridade

A Xunta habilita unha plataforma de 1.000 metros cadrados na parcela que deixa a demolición do Hotel de Pacientes, obra necesaria para avanzar nos accesos ao Novo Chuac.

A actuación supón un novo paso adiante na construción do Novo Chuac xa que permite avanzar nos novos accesos. A liberalización do espazo facilitará a entrada de maquinaria pesada para a demolición do paso actual sobre a AC-12 e a construción dun novo viaduto.

Deste xeito, tras a derruba do Hotel de Pacientes, a finais do 2025, realizáronse os traballos para a retirada das cimentacións e a adecuación da contorna coa construción da citada plataforma de 1.000 metros cadrados.

Despois do asfaltado, adecuación de beirarrúas e colocación de varandas, nos últimos días procedeuse á limpeza e retirada de valos, concluíndo así os traballos que se realizaron seguindo o proxecto da UTE Pinearq–Vázquez Muíño–Monteoliva, para minimizar o impacto das actuacións na contorna.

As intervencións, tanto de demolición como de acondicionamento, desenvolvéronse en coordinación coas necesidades do hospital para minimizar, na medida dos posible, a afección ao funcionamento diario do complexo sanitario debido á proximidade dos edificios e de servizos fundamentais como a lavandería.
Ademais, nas actuacións, tívose en conta a convivencia da obra cunha contorna na que se continuaba prestando atención asistencial. Isto marcou a forma de proceder á demolición que, en todo momento, cumpriu os parámetros establecidos no plan de bioseguridade que se seguiu ao longo de toda a actuación.

En concreto, o plan de bioseguridade, marcaba niveis máximos de emisión de pó e ruído, polo que se realizando medicións continuadas na zona de actuación. Uns niveis que se respectaron en todo momento do mesmo xeito que a xestión de residuos prevista no proxecto.

Neste sentido, a obra de demolición do Hotel de Pacientes xerou ao redor de 10.000 metros cúbicos de residuos de distinta natureza. Deles, 2.600 m3 de entullo mixto triturado en obra foron reutilizados para o acondicionamento da parcela. Ademais, outros 4000 m3 se trituraron a pé de obra para o seu posterior traslado por parte dun xestor autorizado de residuos non perigosos e retiráronse 100 m3 de material con amianto.

Deja un comentario