Friday 20 de March de 2026

Román Rodríguez felicita aos alumnos galegos premiados na Olimpíada Matemática Española


— O conselleiro de Educación gaba o esforzo realizado por estes tres estudantes dos que salienta que son “un orgullo e exemplo da nosa Galicia Calidade”

— Pablo Freire, que estuda 1º de Bacharelato no IES As Lagoas de Ourense, alzouse coa medalla de ouro e representará a España no campionato internacional en Shanghai

— Liss Marian Estévez, do IES Monte das Moas da Coruña, obtivo prata na categoría xeral e ouro na feminina e competirá no campionato europeo feminino en Bordeos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu hoxe aos tres estudantes galegos que veñen de ser premiados na fase nacional da LXII Olimpíada Matemática Española celebrada a semana pasada en Madrid, un equipo integrado polos estudantes Pablo Freire, que se alzou coa medalla de ouro; Liss Marian Estévez, que obtivo a medalla de prata, e Pablo París, que acadou o terceiro posto no campionato galego.

Román Rodríguez gabou o esforzo destes alumnos que son “un orgullo” e representan “un exemplo da nosa Galicia Calidade” a través da formación académica nas aulas galegas “como o demostra que estean ao máis alto nivel no panorama estatal”. Nesta liña, o titular de Educación da Xunta aproveitou a recepción para lembrar que o seu departamento está a reforzar a aprendizaxe das matemáticas a través dun programa específico ao abeiro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que ten por obxecto avanzar nunha atención máis personalizada do alumnado, fomentando as competencias clave e a aposta por un ensino cada vez máis inclusivo, plural e diverso.

Pablo Freire, estudante de 1º de Bacharelato no Instituto As Lagoas de Ourense, vén de obter por segundo ano consecutivo a medalla de ouro nesta competición, polo que formará parte do equipo español que representará a España na International Mathematical Olympiad que terá lugar en Shanghai o vindeiro mes de xullo.

Pola súa parte, Liss Marian Estévez, estudante de 1º de Bacharelato do Instituto Monte das Moas da Coruña, que foi prata na categoría xeral e ouro na modalidade feminina, representará a España no campionato europeo feminino que terá lugar en Bordeos o vindeiro mes de abril. Na fase española tamén participou Pablo París, estudante do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, logo de obter o terceiro posto en Galicia.

Deja un comentario