· O goberno local priorizou vías ás que non pode acceder o tractor municipal, camiños próximos a vivendas e accesos estratéxicos no monte para funcionar como cortalumes.
· O Concello agarda que a administración autonómica execute as limpezas este mesmo ano.
O Concello de Camariñas vén de dar un paso importante en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Tras recibir a aceptación da adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a empresa pública SEAGA (período 2026-2029), o goberno local xa remitiu á administración autonómica toda a documentación requirida para a xestión da biomasa.
En concreto, o Concello enviou un listado detallado que inclúe preto de 10 quilómetros (9.923 metros) de viarios de titularidade municipal que precisan actuacións de limpeza nas faixas secundarias.
Para a elaboración desta lista, o equipo de goberno aplicou criterios estritos baseados na eficiencia e na seguridade da veciñanza. Deste xeito, priorizáronse zonas inaccesibles para o Concello, con aquelas vías e camiños cuxa orografía ou características impiden que poidan ser desbrozados co tractor da frota municipal; seguridade cidadá, dando prioridade ás vías que se atopan próximas a núcleos de poboación e vivendas, así como aos camiños que dan acceso a fincas particulares que requiren roza obrigatoria; e prevención no monte, recollendo tamén varios camiños situados en zonas forestais co obxectivo de que as limpezas permitan que funcionen como cortalumes naturais e garantan un acceso rápido e seguro para os camións motobomba en caso de emerxencia.
Camiños incluídos na solicitude
A proposta remitida á Xunta abrangue vías distribuídas por diferentes puntos do municipio. Entre as actuacións solicitadas destacan a limpeza do Camiño do cemiterio da Ponte do Porto a Xaviña (3.864 m) e o Camiño de Tras dos Muíños de Xaviña a Santa Mariña (1.670 m). Tamén se inclúen o acceso aos muíños de Lamastredo e o camiño dende Lamastredo cara a base (1.524 m), a Costa de Braño e o acceso ao depósito da auga da Ponte do Porto (1.107 m), así como a baixada á Praia de Ariño (980 m) e a pista de terra entre O Lobeiras e Castrelo de Dor (778 m).
Desde o Concello de Camariñas agardan que a Xunta de Galicia e SEAGA teñan a ben a solicitude presentada e que, unha vez validada a documentación, procedan á execución dos traballos de limpeza durante este mesmo ano, reforzando así a seguridade de todo o municipio de cara á tempada de alto risco de incendios.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.