O Concello de Carballo deu hoxe un paso definitivo na súa estratexia de espazos públicos para a infancia coa apertura do novo Parque do Chorís. Situado nunha zona na que conflúen os usos residencial, educativo e deportivo, este novo espazo non é só unha área de xogo, senón unha homenaxe á arquitectura e á identidade do barrio.
Durante o acto de apertura, que contou cunha masiva participación de familias, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou o valor emocional do proxecto: “Hoxe non só inauguramos randeeiras ou tobogáns; hoxe devolvémoslle á infancia carballesa un símbolo do noso patrimonio transformado en diversión. Queremos que os nosos nenos e nenas medren xogando na nosa historia, que sintan orgullo de elementos como este depósito ou o trolebús do Rego da Balsa, porque apropiarse do espazo público é a mellor forma de facer comunidade”, sinalou o rexedor carballés.
O elemento central do parque é a torre-depósito, unha estrutura monumental de 8,75 metros de altura deseñada en forma de prisma hexagonal. Esta réplica está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos e ofrece unha experiencia de xogo en cinco plantas:
• A “conquista” do cumio: a torre conta con rocódromos, escaleiras helicoidais e pavimentos de malla que desembocan nun gran tobogán tubular de aceiro de 6,8 metros de altura.
• Identidade e luz: O revestimento de chapa perforada e a iluminación LED integrada nos piares permiten que o parque brille tamén en horario nocturno, e que destaque o seu carácter monumental.
Esta apertura completa unha inversión estratéxica na que o Concello traballou sobre tres eixes fundamentais:
1. Parque do Chorís: o depósito como fito de barrio.
2. Parque do Rego da Balsa: onde a temática vira arredor do antigo trolebús, a electricidade, a auga e o skyline urbano.
3. Praza do Outeiro: a natureza como protagonista, coa gran árbore “Carballo” de máis de 6 metros de alto
Con estas actuacións, Carballo consolídase como un referente en urbanismo pensado para a infancia, combinando seguridade (normativa EN-1176), deseño exclusivo e memoria histórica.
Unha xornada de celebración e aprendizaxe
A inauguración do parque do Chorís foi un dos actos máis relevantes da xornada Carballo para a infancia, que arrincou ás 11.00 horas na Praza do Concello coa presentación do autobús “Máis de Carballo que o pan”, froito da colaboración con Autos Costa. O persoal da empresa de transporte e unha ampla representación do goberno municipal puideron estrear o novo vehículo, que a partir de agora veremos circular a diario polas nosas rúas e estradas, para desprazarse ata o parque.
Ademais de ateigar a torre-depósito e o resto dos xogos que integran o novo espazo lúdico, a rapazada participou activamente noutras actividades que reforzaron o vínculo coa contorna: obradoiros de “pingas de auga” con globos para celebrar o Día da Auga (22 de marzo), versos e debuxos en follas de carballo polo Día da Poesía (21 de marzo) e decoración de 50 casiñas para paxaros polo Día da Árbore (tamén 21 de marzo).
A festa continuará pola tarde, cunha ruta no novo autobús polos tres novos parques infantís. O vehículo sairá ás 16.00 horas do Chorís e fará un percorrido circular polos parques do Outeiro e do Rego da Balsa ata as 19.00 horas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.