A área municipal de Igualdade de San Sadurniño continúa desenvolvendo a programación que organizou con motivo do Día Internacional da Muller. A Casa da Cultura acollerá este sábado a partir das 19:00 horas o espectáculo de narración oral “Bailen as vellas. Os contos das cereixas”, unha proposta de Atenea García e Vero Rilo dirixida a público maior de 14 anos que mestura memoria, emoción, retranca e música. A actividade encádrase nun 8M que o Concello de San Sadurniño quixo dedicar este ano ás mulleres na arte e na cultura. Aínda hai algunhas propostas máis ata fin de mes.
“Bailen as vellas. Os contos das cereixas” é un espectáculo no que os relatos van xurdindo uns despois dos outros, como as cereixas, conectando historias que saben a memoria viva. Tal e como describe a información facilitada por Urdime -cooperativa de xestión cultural que abeira o espectáculo- “a través da palabra, o público é convidado a rir, emocionarse, lembrar e resistir, nun espazo onde a tradición deixa de ser pasado para converterse nun presente que latexa con forza”.
As narradoras Atenea García e Vero Rilo chegan ao escenario coas voces das mulleres que non calaron, que bailaron, cantaron e fixeron da arte unha forma de vida e de reivindicación. Cunha proposta que incorpora tamén a música e o ritmo da pandeireta, o espectáculo enlaza co recoñecemento ás cantareiras e ao legado da transmisión oral, destacando o papel fundamental das mulleres na conservación e difusión da lingua e da cultura galegas.
A función contará ademais cunha importante compoñente de accesibilidade, xa que será interpretada en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos, como intérprete, e Ruth Lovera, como asesora lingüística xorda. A actividade está financiada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Máis propostas no que queda de mes
A programación municipal do 8M complétase coa exposición “Serea de cores”, froito da colaboración entre Carme Romero Díaz e Francisco Pérez Porto, que pode visitarse até fin de mes na Casa do Concello. Ademais, a Biblioteca Municipal ofrece unha escolma de títulos sobre Igualdade coa que pretende fomentar a reflexión e o coñecemento arredor da loita polos dereitos das mulleres. Neste sentido, o Club de Lectura da biblioteca está traballando sobre “Hasta que empeieza a brillar”, de Andrés Neuman, arredor da figura da lingüísta María Moliner.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.