Friday 20 de March de 2026

O Concello plantará case 90 árbores e 750 arbustos nas próximas semanas


As repoboacións e novas plantacións están enmarcados no plan do Goberno para aumentar a vexetación e as zonas verdes na cidade

O Concello continúa co seu plan de repoboación do arboredo nos diferentes barrios da cidade cunha nova quenda de plantacións que se executarán ao longo das próximas semanas, varias delas coincidindo co Día da Árbore o luns 23 de abril.
“Sempre tratamos de explicarlle á cidadanía dúas cousas fundamentais respecto a este tema. Primeiro, que as talas que se fan non son un capricho. Só se retiran exemplares danados, moribundos ou mortos. E segundo, que paralelamente levamos a cabo un plan de reforestación para compensar a perda. O saldo de plantacións deste Goberno é claramente positivo”, subliñou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

En total, nas próximas semanas chegarán ás rúas e parques máis de 80 novos exemplares, incluíndo 8 magnolias en Santa Lucía (en substitución das 8 palmeiras mortas polo picudo), 15 árbores de varias clases entre A Agra e Os Mallos, 6 Quercus palustris en Pintor Laxeiro (en substitución dos chopos), 3 tileiros en Avenida da Sardiñeira, 4 pradairos en Manuel Murguía, 2 Quercus e 1 camelia en Méndez Núñez, 1 camelia na praza das Atochas e outra en Castro Chané, 1 plátano no edificio Herradura e outro en praza da Nosa Señora, 2 cerdeiras no ambulatorio do Ventorrillo e 2 gleditsias en praza da Tolerancia, ademais da substancial repoboación que se efectuará no Parque de San Diego.

Aposta verde

A aposta do Concello por reverdecer as rúas, prazas e parques da cidade concrétase non só na plantación de árbores, senón tamén na colocación dunha gran cantidade de arbustos, tanto engadindo novos puntos verdes en zonas de tránsito como renovando áreas coa vexetación deteriorada.

Así, o Goberno de Inés Rey ten previsto dispoñer nos vindeiros días máis de 750 exemplares de arbustos e plantas polo rueiro. Unha operación que se desenvolverá ao longo das dúas próximas semanas. A maior prantación será na praza de Pontevedra e no paseo marítimo, con 200 novos arbustos cada un. Tamén chegarán outros 150 á mediana da avenida de Arteixo, 130 ao triángulo entre a avenida de Fisterra e Alfredo Vicenti e outros 30 en Salesianos e na Casa do Sol.

Deja un comentario