O alcalde, Esteban Ares, puxo en valor “o traballo do auténtico precursor do galeguismo, da persoa que, antes ca ninguén e nos séculos máis escuros, defendeu a Galicia, defendeu a lingua e defendeu a nosa identidade”
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presenta a campaña #EuConZernadas que se desenvolverá en RRSS para promover un apoio social a esta candidatura
O realizador Luís Avilés apoiou a iniciativa porque “Zernadas merece o Día das Letras Galegas. Son tan contundentes as razóns que ou vai desta ou non vai”
“Tal día como hoxe naceu Zernadas de Castro, o precursor do galeguismo porque defendía Galicia e a nosa lingua en pleno século XVIII. E iso é unha actitude heróica. Outros autores viñeron despois e levaron a cabo unha gran labor literaria, pero antes deles estivo Zernadas e é hora que se recoñeza o seu traballo”. Con estas palabras do alcalde, Esteban Ares García, na igrexa parroquial de Fruima comezaba na noite de onte a presentación da campaña “Zernadas de Castro’27”, coa que o Concello de Lousame busca promover a candidatura do cura de Fruime como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027.
“Presentamos esta candidatura co gallo do 250 aniversario do seu pasamento, unha efeméride que merece ser recoñecida e que mellor recoñecemento que outorgarlle o que el merece: dedicarlle o Día das Letras Galegas”, defendeu Esteban Ares, quen destacou que “puxemos enriba da mesa todo o que temos: traballo, un acordo unánime da corporación municipal, asociación de veciños Cernadas de Castro e contando con todo o concello, cunha dotación económica para levalo a cabo e agora o que nos queda é seguir presentando e seguir reivindicando”.
Xustiza histórica
Por iso, o alcalde lousamiá reivindicou que “chegou o momento de que dende toda Galicia se mire a Lousame e que a Real Academia Galega xire a súa vista cara a Fruime porque o que reivindicamos non é un capricho nin unha reivindicación local. O que reivindicamos é unha cuestión de xustiza histórica. E se a RAG está constituída para a defensa e promoción da lingua galega, que mellor maneira de demostralo que recoñecendo o traballo do auténtico precursor do galeguismo no século XVIII e ese non é outro que Diego Antonio Zernadas de Castro”.
“Esa é a mensaxe que temos que trasladar en nome da corporación e de todos os veciños: que se valore o traballo que fixo”, apuntou Esteban Ares, quen lembrou que “sabemos que hai autores contemporáneos que por suposto que merecen o recoñecemento da Real Academia, pero hai que saber de onde vimos e hai que recoñecer os que viñeron antes e fixeron o traballo”.
Por iso, dende a igrexa de Fruíme, pediulle á RAG “que valore o traballo do auténtico precursor do galeguismo, da persoa que, antes ca ninguén e nos séculos máis escuros, defendeu a Galicia, defendeu a lingua galega e defendeu a nosa identidade”. Un traballo que ten como meta a sesión plenaria que a Real Academia Galega celebrará en xuño: “traballamos que para estea presente esta candidatura e conte cos votos suficientes para ser aprobada”.
#EuConZernadas
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presentou a campaña promocional que o Concello de Lousame vai poñer en marcha en Lousame co cancelo #EuConZernadas. “Unha iniciativa coa que pretendemos sumar apoios á candidatura do Cura de Fruíme ao Día das Letras Galegas de Zernadas. Para iso, imos buscar o apoio expreso de distintas persoalidades do mundo da cultura, do deporte, da política… Que defendan a figura de Zernadas e se graven un pequeno vídeo rematando coa frase: #EuConZernadas”, explicou Agrafojo Filgueira.
Ademais, aproveitou unha igrexa de Fruime chea para pedir a colaboración de toda a veciñanza: “podedes participar enviándonos os vosos vídeos pero, sobre todo, sodes fundamentais á hora de darlle difusión. Para iso, precisamos que lle deades “Me gusta” ás publicacións e as compartades nas vosas redes sociais: Facebook e Instagram, principalmente. Con isto buscamos promover un apoio social a esta candidatura que sirva de reforzo ao traballo que imos realizar diante da Real Academia Galega”.
Vídeo promocional
Durante a presentación de onte tivo lugar a proxección dun vídeo para promover a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas 2027 dirixido, guionizado e montado polo realizador noiés Luís Avilés, quen tamén quixo amosar o seu apoio á candidatura do cura de Fruime. “Meu pai é Avilés de Taramancos, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2003, e sei de primeira man o que supón que as Letras Galegas caian nunha vila. E creo que Lousame meréceo porque ten unha raíz importantísima da cultura deste país”.
Sobre o vídeo, de catro minutos de duración, explicou que “o que fixemos foi dicir por que Zernadas de Castro merece o Día das Letras Galegas. Son tan contundentes as razóns que ou vai desta ou non vai. Eu apoio dende aquí a iniciativa do Concello de Lousame para que dunha vez por todas se faga xustiza”.
Así mesmo, aproveitou para agradecer “a Ricardo de Barreiro que nos prestara a súa voz e experiencia, sen ela este traballo sería outra cousa. A Luís Martínez, que fai de Zernadas e que xa lle dixen que a partir de agora quedaba encasillado, polo parecido que ten e que lle deu un empaque ao traballo. Agardamos que poida avalar a proposta de que Zernadas poida ser homenaxeado o Día das Letras Galegas 2027”.
Oportunidade
Finalmente, a presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro, Hermitas Lorenzo, deu lectura ao acordo plenario para establecer o “Día de Zernadas de Castro”. Nel, fixo fincapé en que “o ano 2027 é unha nova oportunidade para reivindicar a figura do Cura de Fruíme, a referencia cultural máis representativa de Lousame”. Neste sentido, reiterou que “Zernadas foi o primeiro precursor do galeguismo, un século antes de Rosalía xa el escribía os seus versos na defensa de Galicia e nunha época tan convulsa como os Séculos Escuros, loitou pola dignificación de Galicia, da súa cultura e da súa lingua. A súa palabra alzouse sempre contra os menosprezos e inxustizas que aldraxaban a nosa terra nun tempo de silencios”.
Unha valía que foi respaldada por escritores, xornalistas e historiadores de todas as épocas: Neira de Mosquera, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Murguía, Xosé Lois García, Xosé Manuel Rivas Troitiño, Xulio Pardo de Neyra, Xosé A. Fernández Salgado, Rita Peinado, Xosé Pumar Gándara… Así mesmo, lembrou que o Concello de Lousame xa propuxo esta candidatura no ano 1993 e o Club de Xornalistas Galegos en Madrid fixo o propio en 2002. Dende entón, o Concello de Lousame, en colaboración coa AAVV Cernadas de Castro, leva traballando e poñendo en valor a vida e obra de Zernadas de Castro: colocación dun busto fronte á igrexa de San Martiño de Fruíme, publicación de libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, produción de videopoemas, adquisición de esculturas e cadros de Zernadas, conferencias, exposicións, musicalización de poemas…
Tras a presentación, todas as persoas asistentes desprazáranse ata o adro da igrexa, onde a Banda de Música de Lousame interpretou o Himno Galego e tanto Esteban Ares como Hermitas Lorenzo fixeron unha ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro. Porén, o maior aplauso da noite foi para Eduardo Agraso e Teté Baluja, técnicos de Cultura do Concello de Lousame, a quen todos os participantes no acto quixeron recoñecerlles o seu gran traballo, que fixo posible a presentación desta candidatura.
Presentación “institucional” do sábado
O sábado 21 de marzo, a partir das 12:00 horas, a Casa da Cultura Santeiros de Chave acollerá a segunda presentación da campaña “Zernadas de Castro’27”, na que se agarda a participación de numerosas autoridades entre alcaldes e concelleiros da contorna de todos os grupos municipais. O alcalde Esteban Ares García será o encargado de dar a benvida a todas as persoas asistentes.
A música de Xoán Curiel, quen interpretará ata catro poemas musicalizados de Zernadas de Castro, separará as distintas partes do evento: proxección do vídeo promocional da candidatura do Cura de Fruíme; e as intervencións do xornalista e escritor Xosé Manuel Rivas Troitiño e do escritor e ensaísta Xulio Pardo de Neyra. Aquelas persoas que desexen participar deberán anotarse enviando un mail a: culturalousame@gmail.com.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.