Friday 20 de March de 2026

Neda acolle este venres a estrea en primicia do espectáculo “Unha señora orquestra”


Ailén Kendelman, actriz e compositora da extinta compañía A Panadaría, protagoniza a obra

Neda será o escenario este venres da estrea oficial do espectáculo “Unha señora orquestra”. Un proxecto con Ailén Kendelman, actriz e compositora da desaparecida compañía A panadaría, que combina teatro, humor, e músicas do mundo. Terá lugar a partir das 20:30 horas.

A Casa da Cultura acollerá en primicia a representación desta singular obra na que unha única intérprete acciona varios instrumentos á vez mediante un sistema de mecanismos, cordas e roldanas. Ritmos galegos, músicas do leste e folclore latinoamericano mestúranse nesta función, que promete humor, e espírito festivo.

En “Unha señora orquestra”, Kendelman- Premio María Casares á mellor música orixinal no 2022, Premio FETEGA á mellor interpretación no 2018 e Premio Martín Códax de músicas de verbena no 2017- acciona simultaneamente acordeón, bombo, caixa, pratos e diferentes aerófonos, construíndo un espectáculo musical e teatral no que o público se converte tamén en parte activa.

A proposta, xurdida da colaboración entre Ailén Kendelman e a dramaturga Areta Bolado, combina estilos tan diversos como a muiñeira, a milonga, a polca, o tango ou a cumbia, configurando un repertorio festivo que bebe das músicas populares e da tradición oral.
As entradas, cuxa venda anticipada se iniciaba o pasado luns, estarán á venda este venres durante toda a xornada na biblioteca municipal de Neda. O prezo é de 2 euros.

Deja un comentario