Friday 20 de March de 2026

A Xunta pon en valor a Plataforma Transfornteiriza Iqual Campus como recurso clave para avanzar na igualdade laboral en Galicia e o Norte de Portugal


— A iniciativa enmárcase nun proxecto homónimo Interreg POCTEP (España–Portugal), liderado polo Goberno galego e no que tamén participan a Universidade de Santiago de Compostela, CIM Alto Minho, CIM do Cávado e a Universidade do Porto

— A plataforma ofrece unha formación 100 % en liña, flexible e adaptada ás necesidades actuais, cun enfoque práctico baseado en contidos actualizados, casos reais e espazos de intercambio

— Os contidos formativos abordan cuestións como o dereito á igualdade de trato e á non discriminación no emprego, a conciliación corresponsable, a igualdade retributiva ou a elaboración e aplicación dos plans de igualdade, entre outros

— O proxecto completa outras iniciativas do Goberno galego nesta materia, como o Campus en liña de igualdade laboral ou o programa Que non te líen, ti elixes orientado a escolla de profesión libre de estereotipos de xénero

A Xunta presenta Iqual Campus-Campus Transfronteirizo de Igualdade Laboral, unha iniciativa formativa innovadora desenvolvida no marco do programa homónimo Interreg POCTEP (España–Portugal), que ten como finalidade reforzar e promover a igualdade de xénero no ámbito laboral.
O proxecto nace co obxectivo de poñer en valor a igualdade de oportunidades no emprego mediante un sistema formativo especializado cun enfoque transfronteirizo, integrando a visión e a lexislación de España e Portugal. Neste sentido, todas as accións formativas incorporan unha perspectiva comparada entre ambos os marcos normativos, favorecendo unha comprensión ampla e actualizada da materia.
Iqual Campus está liderado pola Xunta, a través da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, e nel participan tamén a Universidade de Santiago de Compostela, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Comunidade Intermunicipal do Cávado e a Universidade do Porto. A iniciativa materialízase nun campus en liña, gratuíto e accesible desde calquera lugar, dirixido á cidadanía da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
Este proxecto transfronteirizo completa outras iniciativas do Goberno galego nesta materia, como o Campus en liña de igualdade laboral —unha plataforma de formación gratuíta dirixida á sensibilización e capacitación en igualdade efectiva no ámbito do traballo— ou o programa Que non te líen, ti elixes —impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a prol da libre elección de profesión sen estereotipos de xénero—.
Formación flexible e adaptada a diferentes perfís
Iqual Campus está aberto a todas as persoas interesadas na igualdade laboral, independentemente do seu perfil ou nivel de coñecementos previos. Cada participante poderá deseñar o seu propio itinerario formativo en función dos seus intereses, accedendo a contidos específicos orientados tanto ao ámbito docente, como ao persoal técnico de igualdade ou á cidadanía en xeral que desexe adquirir coñecementos básicos nesta materia.

Os contidos formativos abordan cuestións clave como o dereito á igualdade de trato e á non discriminación no emprego, a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral, a igualdade retributiva, a elaboración e aplicación dos plans de igualdade ou a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Así mesmo, inclúense aspectos relacionados coa protección dos dereitos das persoas traballadoras vítimas de acoso ou violencia de xénero.
A plataforma ofrece unha formación 100 % en liña, flexible e adaptada ás necesidades actuais, cun enfoque práctico baseado en contidos actualizados, casos reais e espazos de intercambio. A iniciativa promove ademais a creación dunha comunidade de aprendizaxe na que profesionais, docentes e cidadanía poden compartir coñecemento e experiencia, ao tempo que posibilita a obtención de certificacións que reforzan o perfil profesional das persoas participantes.

Deja un comentario