O Concello de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel ratificaron este martes o convenio co que se lle dá continuidade á colaboración que ambas entidades veñen mantendo nos últimos anos para promover a apicultura no noso municipio. O acordo, rubricado polo alcalde, Secundino García Casal, e polo presidente da entidade, Manuel Ferreira Rodríguez, implica unha achega municipal de 2.000 euros, destinados principalmente ao coidado das colmeas do apiario didáctico da Cortiña. Ademais, a Casa do Mel tamén ofrecerá un curso de apicultura gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño, xestionará as visitas ao colmear e ofreceralle apoio ao Concello nas accións de divulgación sobre o mundo das abellas.
A firma do convenio, tal e como recolle o seu articulado, responden aos obxectivos municipais de “promover sistemas alimentarios sostibles e preservar a biodiversidade local”, delegando para iso na Asociación Casa do Mel a xestión do colmear didáctico, considerado pola Administración local como un “espazo clave” para a educación ambiental.
O apiario, situado nunha esquina da Horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos” conta actualmente con cinco colmeas -unha delas de cristal destinada á observación e divulgación- que producen mel e outros subprodutos apícolas, ademais de contribuir á polinización das 160 variedades de froita que hai na horta.
A principal obriga que asume a Casa do Mel mercede ao convenio é precisamente o mantemento integral do colmear, que inclúe a reposición de abellas con núcleos e láminas de cera, o seu control sanitario e a colocación de trampas con atraentes para o control da Vespa velutina nigrithorax.
A asociación deberá encargarse de adquirir o material necesario para repoñer elementos deteriorados e de contratar un seguro específico para as colmeas, garantindo así a cobertura dunhas instalacións que son visitadas ao longo do ano por numerosos colexios, persoas afeccionadas e participantes en cursos. De feito, a formación é outra das finalidades do colmear e do propio convenio asinado este martes, no que se estipula, un ano máis, a organización dun curso de apicultura que será gratuíto tanto para os veciños e veciñas de San Sadurniño como para as persoas socias da entidade.
A maiores, a Casa do Mel colaborará activamente na organización de xornadas técnicas que toquen a apicultura como tema principal ou como parte dun programa máis amplo relacionado co sector primario. Nesta mesma liña divulgativa e de promoción da apicultura, o colectivo tamén instalará unha exposición didáctica na Feira Rural.
O Concello achega con cargo ao convenio unha subvención nominativa por valor de 2.000 euros que se farán efectivos en dous pagos: un primeiro do 75% trala sinatura e o 25% restante unha vez que se xustifiquen debidamente as actividades realizadas. O prazo máximo para presentar esta documentación xustificativa, que debe incluír memorias explicativas e facturas, remata o 30 de novembro de 2026.
A asociación apícola tamén asume o compromiso de usar o galego e unha linguaxe inclusiva en todas as súas comunicacións, a empregar as marcas do Concello e do Xeoparque Cabo Ortegal e a participar de maneira activa nas campañas municipais de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.