Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso abre as inscricións no XX Campionato de Pesca, que terá lugar o sábado 7 de maio durante a Festa da Troita


O torneo rexerase baixo as normas da Federación Galega de Pesca e o prazo de anotación estará aberto ata o 3 de maio

O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición no seu tradicional campionato de pesca, que este ano chega á súa vixésima edición. Un campionato que terá lugar o sábado 7 de maio, no marco da XX Festa da Troita, e que como nas catro últimas edicións se desenvolverá baixo as normas da Federación Galega de Pesca, é dicir, baixo a modalidade de pesca sen morte.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 3 de maio no Departamento de Deportes do Concello de Oroso, no 981 92 79 01 ou no mail deportes@concellooroso.com. Os participantes deberán encher unha folla de inscrición, que poden descargar da web municipal (www.concellooroso.com). Ademais, deberán entregar: copia licenza federativa (que ponden tramitar a través do Concello, se non se posúe).

As bases do campionato especifican que o pescador só poderá ter unha cana en acción de pesca e que, para a extracción da captura para a súa posterior presentación ao control, deberá facer uso dunha sacadeira ou trueiro para logo devolver a peza ao río. Só serán válidas as pezas de 17 ou máis centimetros de lonxitude.

Como cebos só se permitirán os artificiais: moscas, rapalas, culleriñas (xiratorias ou ondulantes simples en calquera das súas variantes. Cun só anzol pero sen plumas, pelos, la, etc). Os anzois, tanto das moscas como das culleriñas, deberán estar desprovistos do arponciño ou semellante.

O campionato de pesca disputarase ao longo da xornada do sábado 7 de maio en dúas mangas: de 9:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:30 horas. Os trofeos entregaranse o día 8 de maio, ás 13:45 horas, coincidindo co pregón da XX Festa da Troita, e despois do Concurso Infantil de Pesca, dirixido a nenos e nenas ata 16 anos, que terá lugar ás 9.30 horas no río Carboeiro.