– O centro, construído e financiado pola Fundación Amancio Ortega, conta con 150 prazas públicas e supuxo un investimento de máis de 30 M€
– A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que este é o cuarto recurso público en funcionamento dos sete que constrúe a entidade
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá os primeiros usuarios da residencia pública de maiores construída e financiada pola Fundación Amancio Ortega na Coruña e cedida á Xunta. O centro que abriu as súas portas recentemente irá completando a súa capacidade nas próximas semanas, seguindo o proceso de adaptación dos residentes.
Na visita, a conselleira conversou con algúns dos primeiros vinte usuarios cos que xa conta este centro e que están no seu período de adaptación. Deste xeito, explicoulles que a residencia é un centro de vangarda europeo, que conta cun equipamento de primeiro nivel e que está adaptado ao modelo de coidados da Xunta que prima a calidade asistencial e o envellecemento activo.
Fabiola García destacou que o centro de Eirís, que conta con 150 prazas públicas, supuxo un investimento de máis de 30 M€ e a creación de máis dun cento de postos de traballo directos no ámbito dos coidados. Neste sentido, puxo en valor “o imprescindible labor diario de todo o persoal da residencia e da súa dirección”.
Cuarta residencia en funcionamento
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que esta residencia é a cuarta en funcionamento xa das sete proxectadas pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas. Así, sinalou que están a pleno rendemento os recursos de Lugo, Santiago e Pontevedra, aos que se suma agora o da Coruña.
Neste sentido, Fabiola García reiterou o agradecemento da Xunta á Fundación Amancio Ortega “pola súa implicación e compromiso no ámbito social”, co investimento de máis de 180M€ na construción de sete residencias en Galicia, que supoñen a creación de 900 prazas públicas e máis de 800 empregos directos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.