— A actuación céntrase estes primeiros días na enseada de Cariño, onde as investigacións apuntan que podería atoparse un buque da coñecida como ‘Armada Invencible’
— O obxectivo das tarefas de prospección arqueolóxica é localizar o galeón, documentar elementos visibles e rexistrar posibles estruturas
— O representante da Consellería de Cultura destaca a importancia da colaboración institucional “para protexer e conservar o noso legado”
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitou hoxe aos participantes na campaña arqueolóxica submariña na que colaboran a Xunta de Galicia, a Policía Nacional adscrita de Galicia e a Armada co fin de localizar pecios históricos na área do Golfo Ártabro correspondente coas rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol.
“Esta é unha actuación na que se pon de manifesto a importancia da colaboración institucional para protexer e conservar o noso legado”, apuntou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Neste senso, Ángel Miramontes engadiu que Galicia “é un exemplo pola riqueza e variedade do patrimonio cultural, tamén do que está baixo a auga, e por iso son importantes este tipo de actuacións que nos permiten ampliar o coñecemento que temos sobre fitos históricos e noso legado subacuático”.
No caso concreto desta actuacións, os traballos nos que participan os técnicos da Dirección xeral de Patrimonio Cultural, a Unidade de Buceo da Armada en Ferrol (UBUFER), o Grupo operativo de actividades subacuáticas (GOAS) da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e o Servizo de Gardacostas céntranse estes primeiros días na enseada de Cariño, onde as investigacións apuntan que podería atoparse o pecio do Galeón Regazona, un dos buques da expedición coñecida como Armada Invencible. Trátase dun galeón do ano 1588 que destacaba tanto polo seu tamaño como polo seu armamento ao contar con 32 canóns de bronce.
Ademais de tratar de localizar este buque, con esta actuación, que estará dirixida polo arqueólogo Cristóbal Nodar, tamén se pretende levar a cabo unha prospección arqueolóxica que permita documentar elementos visibles e rexistrar posibles estruturas mediante fotografía, fotogrametría e debuxo.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.