Wednesday 18 de March de 2026

De Lugares e Órganos volve abrir en Compostela un diálogo entre música, patrimonio e cidade


Do 28 de marzo ao 5 de abril, a undécima edición do programa propón concertos, encontros, cinema e percorridos urbanos arredor dos órganos históricos da cidade.

A música de órgano volverá ecoar en Compostela a través dunha nova edición do ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 5 de abril en distintos espazos da cidade.

A iniciativa, promovida polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, foi presentada este mércores en rolda de prensa pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, a directora do ciclo Belén Bermejo e o director da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, David Fiuza.

A undécima edición de De Lugares e Órganos propón un programa que combina concertos, encontros, cinema e percorridos pola cidade para achegar á cidadanía un dos patrimonios musicais máis singulares. Consolidado xa como cita ineludible da programación cultural compostelá, o ciclo continúa a súa vocación de poñer en diálogo patrimonio, música e pensamento, creando espazos de encontro entre artistas e público e convidando a escoitar os órganos históricos da cidade desde novas perspectivas.

Nese senso, Míriam Louzao salientou o valor dun ciclo que ten como obxectivo “activar o patrimonio, facelo vivir no presente e compartilo coa cidadanía” e púxoo como exemplo dunha maneira de entender a cultura pública “como un espazo de conexión, de colaboración e de diálogo” que, apuntou, “reforza a idea de que os distintos programas culturais da cidade non funcionan de forma individual, senón que se enriquecen cando dialogan entre si”.

Belén Bermejo insistiu nesa vontade que De Lugares e Órganos ten de “achegar á cidadanía compostelá e visitantes un riquísimo patrimonio histórico e musical ligado aos órganos da cidade de Santiago de Compostela e tratar de fomentar o gusto e o aprecio por ese legado”. A directora artística do ciclo amosouse satisfeita ao recoñecer que “once anos despois podemos dicir que eses obxectivos básicos do principio se foron cumprindo, e que o patrimonio organístico compostelán é cada vez menos descoñecido e máis valorado”, e que “aínda sendo algo tradicionalmente vencellado ao ámbito relixioso, se foi convertendo nun patrimonio común, querido e sentido, por todas as persoas que se achegan ás actividades cada ano”.

David Fiuza expresou en nome da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela o agradecemento polo convite a participar nesta edición cun concerto que, apuntou, que permitirá evidenciar “as afinidades entre a banda e o órgano: dous instrumentos de vento, con rexistros tímbricos moi ricos, capaces de dialogar e ofrecer unha gran variedade sonora”.

Ao longo da semana, os templos de San Domingos de Bonaval, San Paio de Antealtares, San Miguel dos Agros, a igrexa da Universidade e o convento do Carme converteranse en escenarios dunha programación que percorre diferentes épocas e tradicións musicais. A programación inclúe tamén propostas que expanden o ciclo máis alá dos concertos, como encontros con artistas, actividades arredor do cinema ou itinerarios pola cidade que permiten coñecer mellor a historia organística compostelá e a relación destes instrumentos coa vida cultural e relixiosa da cidade.

Música e creación arredor do órgano

O ciclo abrirá o sábado 28 de marzo ás 20.00 horas na igrexa de San Domingos de Bonaval cun concerto da Banda Municipal de Santiago de Compostela, dirixida por David Fiuza, que establecerá un paralelismo sonoro entre o órgano e a formación de ventos a través dun repertorio que inclúe obras inspiradas no universo organístico, con música de Bach, Vaughan Williams, Julio Gómez ou Philip Sparke.

Ao día seguinte, o domingo 29, a igrexa de San Paio de Antealtares acollerá ás 20.30 horas o concerto Melodías en busca de autor: relato, escoita, no que o organista e clavecinista Eliot Xaquín Dios e a violinista Rahel Boell combinarán obras de autores como Couperin ou Bach con improvisacións e creacións inéditas inspiradas na dramaturxia de Luigi Pirandello. A programación continuará o 1 de abril ás 20.00 horas en San Miguel dos Agros co barroco Ensemble Cantillo, que presentará Nel labirinto degli affetti, un programa centrado na expresividade da música italiana do Seicento e nos seus contrastes emocionais. Un dos momentos centrais do ciclo chegará o venres 3 de abril, ás 20.00 horas, na igrexa da Universidade co concerto Dic Nobis Spiritus. Nel presentarase a reestrea de A verba, obra participativa do compositor Javier María López, inspirada no filme Ordet de Carl Theodor Dreyer. A proposta combinará tradición polifónica, improvisación e unha nova instrumentación que contará coa participación activa do público, e irá precedido dunha conversa co autor, con Óscar Valado e Xan Gómez Viñas que busca servir de preparación para a escoita e arrincará ás 19 horas no mesmo espazo.

O concerto de clausura terá lugar o domingo 5 de abril ás 20.00 horas no convento do Carme, onde o ensemble Ars Atlántica, dirixido polo arpista Manuel Vilas, presentará Cidades de ouro e prata, un programa que recupera repertorios dos séculos XVII ao XIX nun diálogo musical entre España e o antigo Vicerreinado do Perú.

O órgano sae á rúa

Xunto aos concertos, o ciclo mantén unha programación expandida que leva o universo do órgano a outros espazos da cidade. Entre as propostas destacan a proxección do filme Ordet, o 30 de marzo ás 19.00 horas, na sala NUMAX, que dialoga coa obra musical reestreada no ciclo, e o encontro co arpista Manuel Vilas, o 31 de marzo ás 19.00 horas en Vide Vide, onde o público poderá coñecer máis de preto o repertorio do concerto de clausura.

Ademais, o itinerario Memoria silente: os órganos de Compostela de fóra, o martes 31 de marzo ás 11.00 horas, permitirá percorrer espazos históricos da cidade vinculados á tradición organística e recuperar simbolicamente os sons que formaron parte da vida musical compostelá ao longo dos séculos.

Entradas

As entradas para case todos os concertos e actividades son de balde previa retirada de convites, que estarán dispoñibles a partir do 24 de marzo ás 11.00 horas na Zona C · Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes).

De non se esgotaren, tamén se poderán recoller no lugar da actividade desde unha hora antes do seu inicio. En calquera dos casos, as invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

A proxección na sala NUMAX terá un custo de 4 € e as entradas para esta actividade poderanse adquirir despacho de billetes do cinema ou na web numax.org.

Deja un comentario