Wednesday 18 de March de 2026

Reunión da Comisión para o seguimento da Central Hidroeléctrica Reversible do río Tambre para informar da nova apertura do trámite de competencia de proxectos


O salón de plenos do Concello de Brión acolleu este mediodía a reunión da Comisión para o seguimento e información da Central Hidroeléctrica Reversible do río Tambre. Un encontro convocado polo secretario da comisión, Óscar Rivera Marzábal, e o presidente da mesma e alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, para compartir as últimas novidades sobre a cuestión: o anuncio de apertura do trámite de competencia de proxectos do expediente de solicitude dunha concesión de augas superficiais para a instalación dunha central hidroeléctrica reversible no río Tambre, publicado no DOG do pasado 4 de marzo.

O secretario da comisión, Óscar Rivera, reiterou que con ese anuncio “todo volve empezar de novo e hai un prazo ata o 4 de abril para que as empresas presentes os seus proxectos. Será entón cando poidamos estudalos e presentar as correspondentes alegacións, tal e como se fixo anteriormente”. Así mesmo, lembrou que as persoas integrantes da Comisión xa recibiran por correo electrónico tanto unha copia do devandito anuncio así como as aclaracións suficientes respecto do seu contido, aproveitando a reunión para contestar algunha dúbida dos presentes.

Apoio á veciñanza

O alcalde, Pablo Lago, reiterou que “a posición do Concello de Brión sigue sendo a mesma: apoio total á veciñanza de Cornanda e rexeitamento deste proxecto. Cando haxa documentación sometida a información pública, estaremos na primeira liña, presentando as alegacións que correspondan e convocando as reunións que sexan precisas para informar á veciñanza con total transparencia”. Compre lembrar que en marzo de 2023 presentáronse unhas catrocentas alegacións contra o proxecto tramitado por Augas de Galicia, dos que 220 foron rexistradas no Rexistro Xeral do Concello de Brión.

O propio Concello de Brión presentou sete alegacións conxuntan nun documento de 82 páxinas nas que manifestaba ““o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social, condicionando – e mesmo chegando a facer desaparecer – o estilo de vida rural imperante na zona por mor da execución da Central Hidroeléctrica Reversible do Tambre que se pretende implantar”.

Á reunión desta mañá asistiron o presidente da comisión e alcalde de Brión, Pablo Lago; o secretario da mesma, Óscar Rivera; Waldo Carballo e Xosé Penas, en representación dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG; e os seis veciños e veciñas de Cornanda.

Deja un comentario