Guinarte afirma que “non son os nosos orzamentos” e advirte de que a responsabilidade da súa aprobación corresponde ao Goberno da señora Sanmartín.
Marta Abal critica a falta de ambición e alerta dun recorte do 50% no investimento respecto a 2025.
As e os socialistas advirten do risco de perder fondos europeos e denuncian a falta de rigor nas previsións de ingresos e gasto.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, e a concelleira Marta Abal valoraron o proxecto de orzamentos municipais de 2026 e avanzaron que o grupo socialista non votará a favor no escenario actual, condicionando a súa posición final á incorporación efectiva das súas propostas.
Guinarte sinalou que “non son os nosos orzamentos” e explicou que durante o proceso de negociación o grupo socialista trasladou ao Goberno municipal “un listado esixente de peticións”, tanto de carácter político como económico, moitas delas derivadas do diálogo coa veciñanza e de necesidades que “xa non admiten demora”. Segundo indicou, algunhas foron acollidas con receptividade, mentres que outras “non foron asumidas como compromiso político”, polo que confirmou que “o Grupo Municipal Socialista non vai votar a favor destes orzamentos”.
O voceiro advertiu de que o escenario segue aberto e que a decisión final dependerá do grao de compromiso do Goberno municipal, “somos plenamente conscientes do que significa cada opción de voto cando se trata dos orzamentos municipais e valoraremos todos os elementos antes de adoptar unha decisión definitiva”. Ademais, subliñou que o grupo socialista “non participará en ningunha operación alternativa de goberno” e advertiu de que, se o proxecto non sae adiante, “a responsabilidade será do Goberno municipal”.
Pola súa banda, Marta Abal afirmou que o grupo municipal socialista non apoiará o proxecto porque “non é un orzamento nin ambicioso nin transformador”, malia tratarse previsiblemente do último da lexislatura. A concelleira destacou que, aínda sendo o máis alto da historia da cidade, con 148 millóns de euros, presenta “un anexo de investimentos claramente insuficiente”, cunha redución de arredor do 50% respecto a 2025 e o nivel máis baixo dos últimos anos.
Abal criticou tamén a falta de liderado na xestión dos fondos europeos e advertiu de que o Goberno municipal “está a poñer en perigo os fondos xa captados”, ao consignar só arredor de 725.000 euros dos 8,7 millóns concedidos a través dos fondos EDIL. Segundo explicou, esta situación pode comprometer o cumprimento dos mínimos esixidos pola normativa europea e supón ademais “renunciar xa de entrada a captar novos fondos”.
A concelleira cualificou ademais o proxecto de “pouco riguroso”, ao sustentarse, ao seu xuízo, en ingresos dubidosos e previsións pouco realistas, como a estimación de máis de cinco millóns de euros en multas cando a recadación neta coñecida non alcanza os tres millóns. Tamén advertiu de que o documento “incumpre xa de inicio o límite legal das horas extraordinarias” e cuestionou a previsión de crear unha empresa pública de vivenda cando a propia intervención municipal sinala que non poderá constituírse en 2026 mentres estea en vigor o plan económico-financeiro.
Abal engadiu que tampouco se contempla financiamento para actuacións con fondos Next Generation que quedaron sen rematar en 2025 e das que o Goberno municipal aínda non explicou como se financiarán.
Por todo isto, reiterou que “non podemos votar a favor destes orzamentos” e insistiu en que a posición final dependerá da incorporación real das propostas socialistas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.