Wednesday 18 de March de 2026

Mercedes Rosón reclama actuacións urxentes en materia de accesibilidade, seguridade viaria e mantemento urbano en Vidán


• Propón unha solución de accesibilidade e aparcamento provisional na parcela entre Rocha Nova e Serafín Zas para garantir o acceso dunha persoa en cadeira de rodas

• Urxe asfaltados e melloras viarias en varias rúas como a rúa da Codeseira, a Ponte Vella de Arriba ou a Praza de Vidán

• Pregunta ademais pola solución definitiva para a rúa dos Caraveis, logo de que un corremento de terras provocara o estreitamento da plataforma da vía.

As concelleiras non adscritas -Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños- realizaron esta semana un percorrido polo barrio de Vidán da man da presidenta da Asociación Veciñal Mestra Victoria Míguez, Celia Pinaque, para trasladar ao goberno local unha batería de demandas en materia de mobilidade, seguridade viaria e mantemento de infraestruturas básicas. Así o fará Mercedes Rosón no vindeiro pleno, no que proporá unha serie de actuacións “concretas e asumibles” que, segundo recalca, “na maioría dos casos non requiren de grandes investimentos, senón vontade política e unha correcta xestión dos recursos ordinarios municipais”.

Entre as incidencias, destaca a concelleira non adscrita un grave problema de accesibilidade na parcela anexa á confluencia das rúas Rocha Nova e Serafín Zas. Este espazo, de carácter dotacional e actualmente empregado como estacionamento improvisado, serve tamén de acceso a varias vivendas, entre elas a dunha persoa con mobilidade reducida que se ve obrigada a atravesar unha superficie deteriorada e cunha forte pendente.

A concelleira reclama que o Concello habilite de maneira provisional un aparcadoiro en superficie, reordenando os colectores e reducindo a inclinación do acceso ás vivendas, co obxectivo de garantir unha accesibilidade axeitada para persoas usuarias de cadeira de rodas e evitar o bloqueo de accesos e servidumes.

Ademais, en materia de accesibilidade, Rosón propón actuacións na zona da Ponte Vella de Abaixo, na contorna do lavadoiro tradicional, onde considera necesaria a instalación dunha marquesiña na parada de autobús, así como a mellora do camiño de acceso mediante iluminación e a colocación dunha varanda. Insiste en que este sendeiro, cunha pendente moi pronunciada, “é o nexo natural entre Ponte Vella de Abaixo, Ponte Vella de Arriba e a Rocha Nova” coa parada de autobús que, ademais, “coas novas liñas verá reforzado o seu tráfico”.

Solución definitiva para a rúa dos Caraveis e actuación urxente na rúa da Codeseira

Rosón sinala a urxencia ademais de actuar na rúa dos Caraveis, afectada por un corremento de terras en 2024 que obrigou a adoptar solucións provisionais que reducen o ancho da calzada e dificultan a circulación. Neste sentido, reclama unha intervención definitiva que garanta a estabilidade do noiro e recupere as condicións normais da vía.

En calquera caso, a edil non adscrita advirte do deterioro xeneralizado de outras vías do barrio, e reclama actuacións de asfaltado ou rebacheo na rúa da Ponte Vella de Arriba, rúa da Rocha Nova, rúa de Vidán, rúa Campo da Fonte e na Praza de Vidán.

Especial preocupación amosaron as non adscritas pola situación da rúa da Codeseira, onde o deterioro progresivo da calzada provocou o seu estreitamento, dificultando o acceso de vehículos de emerxencia como ambulancias ás vivendas da zona. Tamén considera necesario completar a conexión peonil entre esta vía e a rúa Concha Castroviejo, actualmente incompleta, e que só suporía completar a escaleira xa existente cun itinerario peonil acondicionado.

Finalmente, a concelleira tamén chama a atención sobre as deficiencias na iluminación pública en distintos puntos do barrio, en particular na cancha de baloncesto da Ponte Vella de Abaixo, onde a disposición actual dos focos non ilumina correctamente a zona de xogo, malia ser un espazo frecuentado por familias con crianzas.

Mercedes Rosón insta ao Goberno municipal a atender estas demandas veciñais e a planificar as actuacións necesarias para “mellorar a calidade de vida no barrio de Vidán”, garantindo condicións adecuadas de accesibilidade, seguridade e mantemento urbano.

Deja un comentario