Wednesday 18 de March de 2026

O Concello de Ribeira convoca a quinta edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas


 A recepción dos debuxos mantense aberto ata o 15 de abril

A biblioteca municipal de Ribeira lanza a quinta edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas para promover a creatividade artística e plástica entre o alumnado de primaria dos centros educativos do municipio a través da elaboración dunha ilustración relacionada coa dinamización lectora.
“Este certame sirve como antesala á celebración do Día Internacional do Libro que se conmemora no 23 de abril. Mediante esta proposta queremos involucrar á comunidade educativa para, a través dunha actividade artística, contribuír a inculcar o hábito lector entre a rapazada. E, ao igual que sucede coa lectura, no deseño destes marcapáxinas incentivarase a súa creatividade; unha inventiva que marcará as páxinas nos libros dos lectores de Ribeira”, en palabras da concelleira de Educación, Nucha Brión. A edil aproveitou a ocasión para lembrar de que esta instalación municipal acolle periodicamente mostras de libros que seguen unha temática concreta, estando actualmente dedicada á banda deseñada e, en vindeiras datas, haberá outras novas sobre poesía e teatro.

Pola súa parte, o bibliotecario Xoán Fernández precisou que este concurso busca tamén outorgarlle “gran protagonismo” á rapazada, pois, actualmente, o 35% das persoas usuarias da biblioteca ribeirense son menores de 14 anos.

O premio consistirá nun lote de libros e nun diploma, se ben tamén se imprimirá ese deseño en formato de marcapáxinas para repartir dende a biblioteca municipal. Ademais, elaborarase unha exposición con tódolos debuxos participantes.

Participación no concurso

Poderán participar tódolos nenos e nenas de Primaria dos colexios de Ribeira, con debuxos orixinais e inéditos relacionados coa lectura, o libro ou a biblioteca. Se levan texto, deberá estar escrito correctamente en galego.

Os deseños deberán ir asinados cun pseudónimo e ser entregados na biblioteca municipal ou no Servizo de Normalización Lingüística, ambos situados no Centro Cultural Lustres Rivas. Acompañarase un sobre pechado dentro do cal deberá figurar o nome de cada participante xunto co correspondente pseudónimo utilizado e curso (pode acompañarse dunha soa plica onde se recollan os datos de todo o alumnado dunha clase en forma de táboa).

O xurado estará composto por persoal municipal dos departamentos de Cultura e de Educación e a súa decisión será inapelable.

O prazo de admisión de obras estará aberto ata o vindeiro 15 de abril.

Deja un comentario