Os traballos consistirán na remodelación, adaptación e pintado da sinalización entre as rúas José Pascual López Cortón e José Vázquez Rozas, preto do Coliseum
Hoxe, o Concello executará os traballos de reordenación do tráfico na contorna da rúa Francisco Pérez Carballo, actualmente pechada ao paso de vehículos tras o afundimento da calzada provocado polas obras de urbanización que está a executar unha promotora nun soar lindeiro.
Por razóns de seguridade, e ata que a empresa en cuestión solucione as deficiencias detectadas, manterase o peche da rúa, unha das principais portas de entrada ao Coliseum e tamén á superficie comercial existente nesta parte de Someso. Neste sentido, e atendendo á necesidade de adaptar os accesos mentres Francisco Pérez Carballo estea acoutada, os servizos municipais estudaron posibles alternativas de mobilidade para reformular os sentidos de circulación na zona.
A este respecto, o acceso principal ao Coliseum será a través da rúa José Pascual López Cortón, con xiro á dereita cara á rúa José Vázquez Rozas, onde os traballos de sinalización e pintado permitirán adecuar a circulación interior polo aparcadoiro que hai baixo o viaduto da avenida da Universidade e, de paso, delimitar un punto de saída dos vehículos á rúa Enrique Mariñas Romero, desde o mesmo aparcadoiro de José Vázquez Rozas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia desta actuación para facer máis fluída a circulación do tráfico mentres a promotora non arranxe as deficiencias provocadas en Francisco Pérez Carballo.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.