Tódalas citas terán lugar no novo Auditorio municipal
A Concellería de Cultura de Ribeira programa varias actividades para desfrutar desta fin de semana no novo Auditorio municipal con cine, monólogo e teatro. “Seguimos dinamizando unha instalación municipal de envergadura así como a vida cultural do municipio con propostas de distintas disciplinas para estes días”, segundo apunta a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
No venres, 20 de marzo, proxectarase na sala polivalente, ás 19.00 horas, a longametraxe documental As estações, peza audiovisual portuguesa subtitulada ao galego premiada en varios festivais que fala sobre paisaxe, etnografía, patrimonio, costumes e modo de vida no rural de Portugal. A proxección é gratuíta, con apertura de portas dende media hora antes do inicio da mesma ata completar o aforo da sala.
Despois será o momento de desprazarse ata a sala grande do Auditorio para asistir, ás 21.15 horas, ao espectáculo Chistes que foron contos, de Avelino González. O actor levará a escena un monólogo no que explica en clave de comedia como moitos chistes cos que rimos hoxe en día son unha adaptación de contos vellos.
E xa no sábado 21, ás 20.00 horas, tocará desfrutar da dramaturxia coa obra Terapias alternativas, da Escola Municipal de Teatro do Concello de Narón.
Todas estas propostas son gratuítas, con apertura de portas dende media hora antes do inicio de cada unha delas e ata completar o aforo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.