• A iniciativa é promovida pola asociación Mételle un gol ao cancro, coa meta de recadar fondos para proxectos oncolóxicos
O Concello de Abegondo acolleu esta mañá a presentación do libro “Presas de Historias: Deporte e Paixón”, unha obra que entrelaza a narrativa literaria cos valores do deporte e a solidariedade. O acto, que tivo lugar no salón de plenos, contou coa presenza de colaboradores do proxecto e representantes da iniciativa solidaria.
O libro é unha colección de relatos, tanto reais como imaxinarios, que buscan emocionar ao lector mentres renden unha sentida homenaxe á figura de Mary Carmen Presas, lembrada deportivista cuxa pegada permanece viva na comunidade. Mary Carmen foi unha colaboradora activa desde 2010 na iniciativa “Mételle un Gol ao Cancro”, que se celebra en Nadal en Abegondo, unha causa que agora recibe o impulso desta publicación.
O alcalde, José Antonio Santiso, presidiu a presentación. Estivo acompañado de Bibiana Santiso, presidenta da asociación Mételle un gol ao cancro, Manolete, ex xogador do Deportivo e presidente dos veteranos, e Alberto Gomez Barros, xornalista, veciño de Abegondo e autor dun dos relatos.
Durante a presentación, o alcalde destacou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que “enriquecen a nosa cultura e que amosan calidade humana”. Segundo explicou o rexedor, o libro é un exemplo de como a paixón polo deporte pode transformarse nunha ferramenta de axuda real para quen máis o necesitan.
Cada exemplar vendido axudará a financiar proxectos oncolóxicos en Galicia, mantendo vivo o legado de solidariedade que a asociación promove e que Mary Carmen sempre defendeu, sinalou o alcalde.
A obra foi posible grazas á unión de amigos, familiares e colaboradores que quixeron plasmar en papel historias que falan de esforzo, superación e, sobre todo, de amizade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.