Tuesday 17 de March de 2026

A Xunta investiu nos últimos anos case 4 M€ en obras nos centros educativos de Cambre


— O secretario xeral técnico da Consellería de Educación explica no Parlamento que o Goberno galego atende as necesidades dos colexios con rigor técnico

— No Colexio Plurilingüe Graxal investíronse 3 M€, incluíndo a ampliación do centro e diferentes melloras, asumindo incluso algunhas de competencia municipal

A Xunta de Galicia leva investidos case 4 M€ en obras nos centros educativos de Cambre nos últimos anos. Así o explicou no Parlamento o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, quen sinalou que o Goberno galego acomete estas actuacións “con rigor técnico, cunha visión global do sistema educativo e cun compromiso firme coa mellora continua das infraestruturas escolares”.
No referido ao Colexio Plurilingüe Graxal, o representante da Consellería de Educación destacou que se investiron 3 M€ neste centro desde 2009, incluíndo a súa ampliación. Ademais, acometéronse diversas melloras neste centro, como tarefas de pintura, melloras nos baños de Infantil ou a reforma da instalación eléctrica, entre outras. En 2023 e 2025 mesmo se realizaron dúas actuacións de mantemento, a reparación dun canlón e a substitución do termo eléctrico que, tal e como explicou o secretario xeral técnico, conforme á normativa corresponden ao Concello. Do mesmo xeito, sinalou que o arranxo do pavillón é tamén competencia municipal
O representante da Xunta incidiu en que os centros educativos están sometidos a procesos de revisión e seguimento continuos por parte das unidades técnicas, que determinan as actuacións necesarias e a súa urxencia. “Todas as necesidades que se detectan son avaliadas co obxectivo de garantir un bo servizo público e unha correcta utilización dos galegos”, salientou.
“Existe un compromiso claro de continuar impulsando novas intervencións”, afirmou, ao tempo que lembrou que a Consellería de Educación ten este ano unha partida orzamentaria para obras que supera 73M€, un 4% máis que o ano pasado.

Deja un comentario