• A concelleira non adscrita rexistrou unha proposición este luns para que se respecte o acordo plenario do 2022 e sexa o Pleno quen determine a forma de xestión do servizo da auga
• Critica os cambios de posición do Partido Popular e aféalle que “despois de recibir a nosa proposición esta mañá convoque unha rolda in extremis para desviar o foco dos seus cambios de posición”
A concelleira Mila Castro rexistrou este luns unha proposición para o vindeiro pleno municipal na que solicita que se respecte o acordo plenario aprobado en xaneiro do 2022 polo que se establece que debe ser o pleno quen determine a forma de xestión do servizo relativo ao ciclo integral da auga. De feito, acusa ao portavoz do Partido Popular de “facer seguidismo” do argumentario das Non Adscritas ao convocar hoxe unha rolda de prensa in extremis para sinalar este mesmo incumprimento da Alcaldesa: “só responde a que ás 8:40h todos os grupos recibimos as proposicións rexistradas no día de onte, e o PP, sen argumentos propios, quixo facer propios os nosos”.
“O Partido Popular está perdido e non ten un argumentario propio” critica Castro que lembrou ademais que os populares modificaron en varias ocasións a súa posición sobre a fórmula de xestión do servizo da auga, votando en contra da fórmula da concesión en setembro do 2022, a favor na comisión celebrada o 2 de febreiro do 2026 e finalmente absténdose no pleno posterior do 26 de febreiro: “o seu obxectivo parece ser sempre bloquear e, agora, abandeirar unha coherencia que non practican”.
A edil non adscrita asegurou que, en todo caso, o debate quedará aberto no vindeiro pleno municipal coa proposición que presentou. “Benvidos ao lado da coherencia”, sinalou, ao tempo que instou á alcaldesa a levar ao Pleno a fórmula da concesión para poder votala e desbloquear a situación do servizo. Para iso pide ao BNG que mude o seu voto en contra e deixa no aire a posición do PP, “así tamén poderemos comprobar a coherencia que agora clama o PP para os demais é de aplicación propia e non mudan por cuarta vez o seu voto”.
Que sexa o Pleno quen determine a forma de xestión do servizo
Sobre a proposición asinada por Castro e que se debaterá no pleno da vindeira semana, propón entre os puntos de acordo que sexa o Pleno quen determine a forma de xestión do servizo, “a fin tamén de evitar inseguridades xurídicas nun hipotético proceso de licitación que remate pola paralización do proceso”. Neste sentido, a proposición fundaméntase, como ela comentou, na moción presentada en xaneiro do 2022 polo BNG, Compostela Aberta e Partido Popular, que propuña un idéntico punto de acordo, así como instar ao goberno local a non aprobar o procedemento de licitación do servizo ata que o Pleno determine a forma de xestión.
“O que está claro é que no vindeiro pleno debaterase unha proposición, asinada por min mesma, na que se pide respectar ese acordo do mes de xaneiro do 2022 e outro anterior de novembro do 2018, ambos apoiados e impulsados polas dúas forzas que agora gobernan Santiago” concluíu, anotando tamén un acordo do mandato de Compostela Aberta polo que se creaba a comisión que debía informar da forma máis sostible e eficiente de xestionar o servizo: “o que non vale é que agora que gobernan non apliquen as receitas que nos esixían aos demais, ou vai resultar que o obxectivo antes era o bloqueo arbitrario e agora non serve o discurso da cultura democrática?”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.